DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Cita múltiple do atletismo galego no circuíto do Aguillón (A Rúa), con case 900 participantes

O programa deportivo comezará ás 10:30h. do 27 de xaneiro co XXIII Memorial Alejandro Lorenzo

A Rúa prepárase para acoller na vindeira fin de semana unha das citas máis importantes da tempada de campo a través en Galicia, na que se reunirá a preto dun milleiro de participantes, dos cales uns 60 serán valdeorreses (dos clubs Atletismo Rúa e Adas). Así na mañá do 27 de xaneiro, a partires das 10:30h., no circuíto do Aguillón desenvolveranse unha boa cantidade de Campionatos de Galicia nas súas distintas categorías e modalidades. A principal novidade será a disputa da primeira edición do campionato autonómico mixto por relevos.

Esta múltiple cita presentábase na tarde do 23 de xaneiro nun acto no que participaban o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos, o alcalde da Rúa, Luis Fernández, e o concelleiro de Deportes Avelino Fernández; así como representantes da Delegación Valdeorresa da FGA (Manuel Rodríguez Teijeira e Agustín González), de Protección Civil e da Policía Local da Rúa.

O programa deportivo encetarase co XXIII Memorial Alejandro Lorenzo, reservado para as categorías menores Sub10, Sub12 e Sub14 que principiará ás 10:30 horas da mañá. Nesta edición, preto de 500 atletas de diferentes lugares de Galicia competirán sobre distancias que irán dende os 800 m. ata os 2.500 m.

Continuando coas distintas carreiras programadas, o Alejandro Lorenzo dará paso sobre ás 12:05 horas, ao Campionato de Galicia Sub16 e Sub18 individual e por equipos, coa participación dalgúns dos atletas máis importantes que xa o ano pasado amosaban as súas credenciais. Entre eles figuran Antón Martínez da Atlética Lucense, bronce no galego escolar Sub16 e Brais Picón do Fontes do Sar, gañador galego Sub14.

A debutante na categoría Sub16 feminina Carolina Santos, do Ourense Atletismo, parte a priori como unha das favoritas ao título nesta categoría ao igual que a tamén debutante Laura Carracedo do A. Estrada, que estará na loita polas postos de honra.

Na categoría Sub18 masculina o indiscutible protagonista será de novo unha das xoias do atletismo galego, o atleta internacional de San Paio A Estrada El Medhi El Nabaoui, que debería estar acompañado por Hugo García do R.C. Celta e por Martín Rivera do Ourense Atletismo como atletas importantes na disputa polas medallas.

Non menos interesante será a carreira Sub18 feminina na que tomarán parte prácticamente a totalidade das medallistas galegas do ano pasado na Sub16 e Sub18 e na que se atopan Elsa Pena do At. Tui, Carla Guisande do Beade, Noelia Sánchez do Friol, así como Paula de la Torre e Blanca Armenteiros da Gimnástica.

I Campionato de Galicia de relevos mixto

Por último, a xornada atlética pechará as 13:45 horas coa saída da primeira edición correspondente ao Campionato de Galicia de relevos mixto. Neste formato, na que os equipos están compostos por dous homes e dúas mulleres, a emoción estará garantida ca presenza de doce equipos entre os cales se atopan tanto a Sociedad Gimnástica de Pontevedra (con Manuel Hurtado, Carlos Porto, Eva Cid e Inés Castaño) e o ADAS Proinor (Alejo Ares, Iván Roade, Sandra Mosquera e Joana Monteiro) cuxa loita será sen lugar a dúbidas, un dos pratos fortes da xornada.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button