DeportesÚltima hora

O Club Voleibol Ourense abre unha escola de iniciación para rapaces de 7 a 11 anos

Os adestramentos serán os mércores e venres en horario de tarde no pavillón da Casa da Xuventude e arrancan a partires de setembro
Os adestradores do equipo irán polas escolas da cidade para promover esta iniciativa.

O Club Voleibol Ourense organiza unha escola deportiva de voleibol para rapaces denominada “Escuela Pequevoley espazo xove”. Esta actividade desenvolverase todos os mércores e venres do ano a partir de setembro no pavillón da Casa da Xuventude (Espazo Xove na rúa Celso Emilio Ferreiro) en horario de tarde.

Esta escola está destinada, aseguran dende o club, “a captar a todos aqueles rapaces dos centros de Educación Primaria da cidade comprendidas entre os 7 e os 11 anos aos que lles guste o deporte, desexen desenvolver unha actividade en equipo e, sobre todo, divertirse xogando ao voleibol”.

Durante os meses de setembro e outubro, unha vez iniciado este curso escolar, técnicos e adestradores do Club Voleibol Ourense irán por varios centros educativos da cidade para informar aos responsables e coordinadores de educación física de cada un deles da existencia da escola de voleibol e deixarán follas informativas para repartir entre os nenos do centro. Posteriormente, volverán aos centros para ofrecer unha charla con soporte audiovisual para os rapaces e pais interesados.

Pequevoley é un programa educativo da Real Federación Española de Voleibol (RFEVB) cuxo fin é que os escolares coñezan o voleibol, por medio da práctica do “Minivoley”, permitindo que se inicien as técnicas propias deste xogo. O “Pequevoley” está integrado no  Programa Nacional de Promoción e Axuda ao Deporte Escolar e o Consello Superior de Deportes.

Esta escola foi presentada hoxe, 12 de setembro, polo Delegado da Secretaría Xeral para o Deporte, Mario Guede, o Coordinador da canteira do Club Voleibol Ourense, José Vicente González, e o Conselleiro Delegado de Juguettos Ourense, Manuel Lorenzo Requera.

Os cursos servirán para captar novos talentos.

Artigos relacionados

Back to top button