ConcellosSoberÚltima horaVídeos

Cobra vida a XLII Feira do Viño de Amandi, en Sober

A mostra abríase co tradicional corte de bacelos a cargo da adega Tear

Publicidade

 

Co tradicional corte de bacelos abríase de xeito oficial ao público a XLII Feira do Viño de Amandi, que se celebrará nesta fin de semana en Sober, recuperando o seu programa e as súas datas habituais. Este acto inaugural corría a cargo nesta ocasión da Adega Tear, en lembranza aos seus fundadores Manuela Valdés e Nilo Vila, e contábase coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. A partir de aí, autoridades e visitantes comezaban a percorrer os expositores das adegas participantes nesta edición.

“Esta feira naceu hai 42 anos un Domingo de Ramos e, nestes dous últimos anos fixémola primeiro nun recinto pechado e no 2021, aínda que aberto ao público, con aforo limitado e noutras datas. E agora volvemos ás nosas datas habituais con moitas ganas. Estamos moi contentos de poder volver á normalidade, de poder ofrecer ao público o noso produto característico que é o viño. Sober, nin a Ribeira Sacra non serían nada sen viño. E temos música e viño para esta fin de semana de Ramos”, destacaba o rexedor soberino, Luis Fernández Guitián.

 

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na inauguración da feira.

 

Ademais o alcalde poñía en valor a calidade e nivel dos viños da Ribeira Sacra. “Mellorou moito a viticultura e a enoloxía, as adegas fan uns viños absolutamente magníficos. Calquera dos viños que están hoxe aquí das 22 adegas que están na feira pode competir cos mellores viños do mundo e así o fai, as mellores guías gastronómicas e os mellores catadores do mundo así o aseguran con cualificacións extraordinarias”.

O programa da mostra, que inclúe tamén unha cata oficial que valorará os viños das adegas participantes, continuará pola tarde con actuacións musicais como a da Banda de Música de Sober ás 18:30h., a da Charanga Louband na Praza do Concello ás 20:00 horas e xa ás 23:00 horas a do grupo Gin Tonic´s.

Na xornada de mañá domingo, continuará a música, ademais será o pregón ás 13:00 horas a cargo do actor Chechu Salgado, ademais daranse a coñecer os viños galardoados na cata da feira.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button