Un ano máis era o encontro sobre a Ponte da Cigarrosa, o primeiro acto da Bacofesta 2024, a feira enogastronómica que se desenvolverá dende hoxe ata o domingo no Aguillón da Rúa.
Na tarde deste venres 9 de agosto e tralo percorrido dende a ponte de orixe romana chegaba ao recinto feiral a comitiva encabezada polas alcaldesas da Rúa e Petín, María G. Albert e Raquel Bautista, entre outros representantes políticos como a delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense María Carmen González, e numeroros veciños.
Nesta ocasión non houbo pregón e trala presentación e benvida por parte da alcaldesa, que aproveitaba a ocasión para felicitar ao concelleiro Vicente Solarat “polo traballo que leva feito en torno ao verán na Rúa”, era a delegada da Deputación quen adicaba unhas palabras aos asistentes, avogando coma sempre “pola unión da comarca”. Despois era o ex xogador de baloncesto Wayne Brabender, fillo adoptivo da Rúa quen abría a festa cun “Viva a Bacofesta, vivan os viños de Valdeorras e viva A Rúa”, seguido dun bride colectivo.
Abríase así unha fin de semana na que a música, a gastronomía, o viño e a historia se mesturarán á beira do encoro de San Martiño coa asistencia dunha decena de adegas, postos de comida, artesanía e concertos.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.