EconomíaEconomíaÚltima hora

Cociñeiros con Estrelas Michelín únense para fomentar os valores xacobeos

O encontro "Estrelas Solidarias no Camiño" será o próximo 10 de agosto en Negreira e está organizado polo restaurante Casa Barqueiro

Fotografía tomada durante a presentación. / Foto: cedida.

 

Varios dos chefs españois máis prestixiosos xuntaránse un ano máis no evento gastronómico “Estrelas no Camiño”, que terá lugar o 10 de agosto no recinto de Galicia Espectáculo, no Polígono Industrial de Covas (Negreira). O acto está organizado polo restaurante negreirés Casa Barqueiro en colaboración co goberno autonómico e foi presentado hoxe, 20 de xullo, polo conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez no Monte Gaiás.

Os cociñeiros convidados sumán en total máis de 30 Estrelas Michelín. Na lista figuran nomes tan recoñecidos como os de Martín Berasategui, Jordi Cruz, Juan Mari Arzak, os irmáns Torres, Eneko Atxa, Jesús Sánchez, Marcos Granda ou os galegos Manuel Costiña e Miguel Ángel Campos, do Grupo Nove.

 

Fotografía tomada durante a presentación. / Foto: cedida.

 

Pola mañá, os chefs realizarán unha andaina polo tramo que percorre o Camiño de Santiago entre Fisterra e Muxía. Durante o traxecto, tamén farán unha parada na localidade de Ponte Maceira, unha aldea de gran beleza e emprazamento destacado deste itinerario xacobeo que a Xunta prevé recoñecer como Ben de Interese Cultural (BIC). Xa en Negreira, os cociñeiros asistirán a unha degustación na que participarán unha vintena de empresas etnogastronómicas de Galicia. O evento estará amenizado por varias actuacións, cumprindo sempre os protocolos sanitarios e o distanciamento social. As entradas estarán dispoñibles dende mañá, 21 de xullo, en ataquilla.com a un prezo de 60€ e todos os beneficios irán destinados a Cáritas.

Durante a presentación de “Estrelas no Camiño”, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, afirmou que “Esta iniciativa aséntase sobre algúns dos piares que nos identifican como pobo e permítenos fomentar algunha das cousas das que nos sentimos máis orgullosos, a nosa gastronomía, o noso patrimonio ou a nosa cultura”. Rodríguez referiuse aos cociñeiros como “aliados e embaixadores de Galicia” e quixo agradecer aos propietarios de Casa Barqueiro a súa calidade como anfitrións.

Artigos relacionados

Back to top button