Como cada ano, na xornada deste 17 de xaneiro a localidade barquense de Coedo celebra a festa na honra ao seu patrón, San Antón Abade. E por segundo ano consecutivo as restricións sanitarias para loitar contra o coronavirus desaconsellan a celebración de procesións, polo que a conmemoración limitouse de novo aos cultos no interior da capela.

Xa pola mañá, ás 11 horas, celebrábase unha eucaristía na honra ao santo pero era xa pasado o mediodía, ás 13 horas, cando os veciños asistían á misa maior do día. Ademais, a pesar das restricións, nesta ocasión non faltaron as bombas de palenque nin tampouco a música a cargo da charanga Brisas do Sil que amenizou a festa cunha alborada polo pobo e a actuación durante e despois da misa.
Antón Abade foi un monxe cristián, fundador do movemento eremítico. O relato da súa vida, transmitido principalmente pola obra de san Atanasio, presenta a figura dun home que crece en santidade converténdoo en modelo de piedade cristiá. Está considerado como o protector dos animais, dos cesteiros, dos fabricantes de cepillos, dos carniceiros, dos enterradores, dos ermitaños, dos monxes e dos afectados por enfermidades coma o eccema, a epilepsia, o ergotismo, a erisipela e todas as que afecten á pel en xeral. Iconograficamente represéntase como un ancián co hábito da orde e cun porco aos seus pés.
Fotos: Carlos G. Hervella.