CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O colexio de Viloira incorpórase ao Plan de mellora de bibliotecas escolares

O CEIP Ramón Otero Pedrayo do Barco é un dos tres centros ourensáns que se beneficiarán desta convocatoria
Unha das fachadas do CEIP Ramón Otero Pedrayo. /Foto: Ángeles Rodríguez.

Os CEIPs Ramón Otero Pedrayo no Barco de Valdeorras e Tomás de Lemos en Ribadavia; e o concertado plurilingüe Guillelme Brown no Pereiro de Aguiar, son os tres centros da provincia de Ourense que se incorporaron neste curso ao Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe).

A Consellería de Educación destinou a esta convocatoria un total de 1.342.000 euros. As axudas para os centros de nova incorporación -30 públicos e 6 concertados- están destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación “resolveuse logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos na convocatoria (que se materializa na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados)”, adiantan dende Educación.

Tal como explican dende a consellería, o plan de mellora “procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido”. Ademais, as bibliotecas integradas no Plambe traballan no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, na integración das novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado”.

 

Artigos relacionados

Back to top button