SanidadeÚltima hora

Comeza a derruba da antiga pasarela metálica do Hospital de Ourense

Paralelamente proseguen as obras de mellora dos accesos ao redor do Edificio Santa María Nai

 

Na mañá deste martes comezaban as obras para o derrubo da antiga pasarela metálica que unía os edificios Cristal e o Materno Infantil, que databa de mediados dos anos oitenta, e a demolición da estrutura da rampa das antigas urxencias situada ao carón desta pasarela e que permitirán o avance das obras de construción do novo edificio de hospitalización.

Estes traballos inclúen ademais a modificación da rasante da vía interior entre o edificio Cristal e o novo edificio de Hospitalización, e a demolición das escaleiras e unha franxa de catro metros no andar cero do edificio Cristal, na súa fachada posterior, segundo informa a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Para mellorar as comunicacións interiores, nestes primeiros pasos das obras tamén se executará un novo núcleo vertical, de ascensores e escaleiras, no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización, e realizarase unha remodelación interna no edificio Cristal para adaptar un núcleo de escaleiras. Ademais, crearase unha vía de comunicación horizontal directa, entre o Servizo de Urxencias e o novo edificio de Hospitalización, desde a planta cero.

O pasado mes de xullo concluíron as obras de construción do novo Molle de carga e descarga de subministros do Hospital Universitario de Ourense que xa está en funcionamento e dun novo punto limpo para o tratamento dos residuos xerados no centro sanitario.

 

 

Un investimento de 48,3 millóns de euros para o novo edificio

As obras de ampliación do Hospital Universitario de Ourense foron adxudicadas, por 48,3 millóns de euros, á UTE composta por S.A. DE OBRAS Y SERVICIOS, COPASA-PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS. SLU, e están cofinanciadas con fondos europeos FEDER.

Durante os 40 meses previstos para a execución deste ambicioso proxecto de ampliación, construirase un novo edificio, de hospitalización e ambulatorio, de 12 plantas, situado entre o edificio Cristal e o Materno Infantil, este último edificio tamén se reformará integralmente.

O novo edificio de 12 plantas destinaranse a usos ambulatorios, desde o andar menos dous ata o segundo piso e, desde a terceiro ata ao noveno, a hospitalización. Para a súa construción é necesario realizar unha serie de obras previas, en curso na actualidade, así como habilitar novos núcleos de comunicación.

 

 

Continúan as obras de accesibilidade no Santa María Nai

Paralelamente están a acometerse obras ao redor do Edificio Santa María Nai encaminadas a mellora da accesibilidade a través de itinerarios peonís cómodos e seguros, ademais da rehabilitación do firme nos lugares con maior deterioro.

O obxectivo será o de facilitar estes desprazamentos a pé, executando novas beirarrúas e ampliando as actuais, e mellorándose a seguridade dispoñendo pasos peonís elevados, para reforzar a visibilidade, e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas.

O edificio Santa María Nai é o primeiro punto de intervención das obras de mellora da accesibilidade e seguridade viaria que se acometerán nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras nos que a Xunta de Galicia, está a investir máis de 380.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button