ConcellosO BarcoÚltima hora

Comeza a instalación de colectores marróns no casco urbano do Barco para depositar materia orgánica

Os interesados en participar poden solicitar a súa chave e cubo no terceiro andar do Edificio Multiusos

 

Vén de comezar a instalación nas rúas do Barco de contedores de cor marrón, destinados especificamente ao depositado de restos orgánicos. Onte comezaban a colocarse. O proxecto “Voluntariado marrón” parte coa participación de cerca de 200 usuarios –dos que preto de 40 son empresas- residentes en todos os barrios do casco urbano do Barco, segundo informa o Concello.

En total, haberá 45 colectores nas rúas, e outros 7 se entregarán a supermercados, hospital e residencia de anciáns. A recollida deste colectores para o seu traslado á planta de reciclaxe realizarase os luns e os venres. A campaña de sensibilización comezaba o 21 de decembro coa instalación dunha carpa na praza do Concello, na que se ofreceu información a todos os interesados. Nesa xornada xa se inscribiron en torno a 100 usuarios. “Todos os que queiran sumarse a esta iniciativa deben contar cunha chave coa que se abren os contedores situados nas rúas. Para conseguila, poden pasar polo edificio Multiusos, en horario de oficina, para inscribirse e recibir un cubo de 10 litros de capacidade, un paquete de bolsas biodegradables e a chave coa que se abren os contedores marróns”, segundo indica o Concello.

O colector marrón, que ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos, “pretende avanzar na adaptación do sistema de recollida de lixo no Barco aos novos criterios de xestión de residuos que indican tanto desde Europa como desde a Xunta de Galicia, e tamén lograr que o proceso de recollida de lixo sexa máis sostible”, asegura o Concello. Para logralo, considérase moi importante a implicación da cidadanía, razón pola que se realizou a xornada de información e sensibilización do 21
de decembro, e se continuará con máis accións nas próximas semanas para animar á participación.

En canto aos residuos que deben ir neste colector marrón son exclusivamente os seguintes: os restos de froita, verdura, carne e peixe, conchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusión, papel de cocina, restos de plantas, cortizas, e en definitiva calquera resto orgánico. Por contra, o que nunca debe depositarse neste colector son os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos e outro tipo de residuos non orgánicos.

Back to top button