EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza a posta en produción con vacún en extensivo na aldea modelo de Meixide (A Veiga)

 

A Xunta informa de que vén de arrancar a posta en produción na aldea modelo de Meixide, no concello valdeorrés da Veiga, cunha explotación de vacún en extensivo. Esta figura de posta en valor -contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- abrangue neste caso unha superficie de 71,25 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se busca dinamizar, distribuídas en 646 parcelas de 151 propietarios.

A posta en produción que se vén de iniciar na aldea modelo de Meixide “foi posible tras a resolución do pertinente procedemento de concorrencia competitiva para a selección da proposta de aproveitamento idónea para a zona. Este proceso arrancou tras a publicación da correspondente guía de ordenación produtiva, na que se delimitaban os usos máis acaídos para a explotación das parcelas incluídas na aldea modelo. Así mesmo, acometéronse as obras e infraestruturas necesarias para a posta en produción, como peches perimetrais, pastores eléctricos, refuxios para o gando, comedeiros, bebedoiros, e o acondicionamento de camiños. Tamén se levaron a cabo os traballos de limpeza nos predios que asumiron o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia”, tal e como informa a Consellería do Medio Rural.

As aldeas modelo son un dos principais instrumentos que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto cos polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. En total, actualmente hai 19 aldeas aprobadas na comunidade, para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 parcelas de preto de 2.200 propietarios.

 

 

 

Mediante estas figuras, “perséguese avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais”, din dende a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button