Por segundo verán consecutivo, o equipo de investigadores de Sputnik Labrego desenvolverá unha campaña de escavacións arqueolóxicas na chamada “Cidade da Selva”, os campamentos da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras). Esta intervención comezará a partir do luns 10 de xuño, segundo informa este equipo que dirixe o arqueólogo Carlos Tejerizo.
“Grazas á escavación que realizáramos o verán pasado, puidemos analizar con detalle como se consolidou a Federación de Guerrillas de León-Galicia na chamada “Cidade da Selva”. Agora queremos estudar o final da guerrilla e as razóns para a súa desaparición”, comenta Tejerizo.
Entre o 10 e o 23 de xuño de xuño este equipo levará adiante unha nova intervención arqueolóxica co fin de documentar o ataque da Garda Civil que desmantelou os campamentos da guerrilla. “Sabemos pola documentación escrita que en xullo de 1946 realizouse un ataque definitivo sobre estes campamentos, concretamente sobre os situados no val da Bruña. Estes son os que escavaremos esta campaña”, explica o director deste proxecto, que se iniciaba hai xa dous anos.
Recentemente Sputnik Labrego daba a coñecer os principais resultados da escavación de tres chozos ocupados pola guerrilla a mediados dos anos 40, o que permitiu afondar en aspectos como a vida cotiá, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes valdeorreses. Resultados que o equipo considera “todo un éxito que nos animou a continuar coas escavacións, abrindo novas fronteiras de traballo”, afirma Alejandro Gutiérrez, co-director das escavacións.
Nesta segunda campaña Sputnik Labrego contará ademais con Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas esquemáticas en Casaio, que se presentaron recentemente en Santiago de Compostela e que o día 18 de xuño tamén se presentarán no Barco.
“Esperamos confirmar o que nós xa sabemos, a relevancia das paisaxes históricas nos montes de Casaio e a necesidade da súa protección por parte das institucións”, afirma o arqueólogo. Todos os detalles da campaña poderán ser consultados na páxina de Facebook do proxecto.