CulturaCulturaÚltima hora

Comeza a segunda campaña de escavacións no Preguntoiro (Pantón)

O principal obxectivo do equipo, coordinada por Xurxo Ayán Vila e Sonia García Rodríguez, será exhumar a planta da ermida de San Xoán de Degolado

 

Volven as escavacións ao xacemento medieval do Preguntoiro (Pombeiro), no municipio lucense de Pantón. Neste xoves 5 de maio comezaba nel unha segunda campaña arqueolóxica, coordinada por Xurxo Ayán Vila e Sonia García Rodríguez e apoiada pola Consellería de Cultura de la Xunta de Galicia, estando ademais co-financiada pola Unión Europea.

O obxectivo principal desta nova intervención será “exhumar a planta da ermida de San Xoán Degolado, de 60 m2. Xa vimos na campaña anterior que se trata dun santuario no que houbo un investimento construtivo importante, mesmo atopamos un rosetón prerrománico e materiais que nos sitúan entre o século IX e o XIII”, adianta Xurxo Ayán.

Ademais, o equipo interdisciplinar que participa na campaña pretende datar e coñecer mellor a configuración da paisaxe vitivinícola do val do río Sil e da Ribeira do Miño; estudar os espazos simbólicos medievais relacionados co eremitismo (entre os séculos VII-X); así como desenvolver proxectos de arqueoloxía comunitaria que “dean protagonismo á poboación local, no contexto da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da UNESCO”.

A evolución desta campaña arqueolóxica, cuxos traballos de campo durarán ata o día 20 de maio, poderá seguirse en tempo real a través da páxina de Facebook do proxecto. Tamén se farán visitas guiadas no lugar.

Esta iniciativa intégrase nun proxecto máis amplo de investigación da orixe e e evolución da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, un traballo que Xurxo Ayán vén desenvolvendo dende hai varios anos en colaboración co Instituto de Ciencias del Patrimonio do CSIC.

Fotos: Carlos Otero, proxecto Preguntoiro.

Artigos relacionados

Back to top button