En portadaÚltima hora

Comeza na Pobra de Trives a última xornada da “Capitalidade de Montaña 2024”

No primeiro día do VIII Congreso de EsMontañas falarase sobre "lexislación e territorio" e tamén sobre "futuro e igualdade de oportunidades no rural"

 

Baixo o título ‘Claves para manter vivos os pobos de montaña’ estase a celebrar o VIII Congreso de EsMontañas, a terceira xornada dos actos da Capitalidade de Montaña de España 2024 no auditorioJulio Vázquez da Pobra de Trives, coa asistencia de persoas coñecedoras da realidade e das necesidades dos pobos de montaña para debater acerca de temas tan cruciais para estes territorios como son lexislación, políticas contra o despoboamento, futuro e igualdade, servizos ou innovación, entre outras cuestións.

A primeira xornada do congreso arrincaba no mediodía deste xoves 19 de setembro coa inauguración a cargo das autoridades, a alcaldesa de Trives Patricia Domínguez Barja; a secretaria xeral de EsMontañas, María Vergés Pérez; o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e o director territorial de Medio Rural n Ourense, José Antonio Armada.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja.

 

Coa apertura musical a cargo do Orfeón Trivés que interpretaba dous temas (un deles o himno de Galicia), era a alcaldesa de Trives quen daba a benvida “ao teito da montaña, á Ribeira Sacra ourensá”, aos asistentes a este congreso do que “pretendemos sacar de verdade, conclusións que poidan materializarse no rural”. A rexedora fixo fincapé nos dous eixos sobre os que se centrarán. “En canto a lexislación, que poidamos sacar unhas bases para sacar unhas leis que discriminen positivamente aos territorios máis castigados e afastados das grandes cidade como ocorre con Trives, con San Xoán de Río, con Chandrexa de Queixa e Manzaneda, os catro municipio das Terras de Trives que compartimos este ano a Capitalidade”. E con respecto ao outro eixo, o tecnolóxico estará máis centrada a xornada de mañá, contando con Manuel Campo Vidal que impartirá un obradoiro para os alumnos do instituto de Trives que “pretendemos que sexa moi didáctico e que os leve á aplicación práctica de todas as ensinanzas que de a aquí saian”.

Dende EsMontañas, María Vergés Pérez lembrou que a asociación naceu en 2013 da man dun grupo de alcaldes e senadores que viron e traballaron para que os pobos de montaña, o medio rural, tivese unha voz unificada porque somos moitos pero moi dispersos e no mapa xeral somos un punto que case non se vei”.

 

Primeira mesa redonda.

 

Do apoio das institucións, tanto autonómico como provincial, falaron o director territorial de Medio Rural en Ourense e o vicepresidente da Deputación quen destacou a importancia de ostentar o título de ‘Capital Española das Montañas, afirmando que contribúe a “engrandecer o potencial destes municipios” e que culmina con este congreso do que “confiamos que saian iniciativas que evolucionen ata converterse en leis que blinden, protexan, promocionen e potencien os municipios de montaña de toda España”.

A inauguración daba paso á primeira mesa redonda sobre ‘Lexislación e territorio’ na que, moderados por Cristina Paz Elías, concelleira de Trives, debateron Marcel Iglesias Cuartero, deputado das Cortes de Aragón, expresidente da Asociación Española de Municipios de Montaña e ex alcalde de Bonansa; Jaime Izquierdo Vallina, ex comisionado de Reto Demográfico de Asturias e José Manuel Hernando García, senador por Soria.

Iglesias sinalou que se debe reformar, refundir e clarificar a lexislación e avanzar nos modelos de financiamento local. Jaime Izquierdo insistiu no importante que é que os pobos non perdan a súa identidade e en que sempre houbo un ordenamento local que permitiu o bo funcionamento rural. Pola súa banda, José Manuel Hernando, indicou que non se poden permitir leis que non pasen pola ruralidad. Fai falta, engadiu, un estatuto dos pequenos municipios.

 

Segunda mesa redonda.

 

Despois do xantar, o programa de tarde completouse cunha mesa, moderada por Rodrigo Calvo, alcalde de Orea (Guadalaxara) sobre o ‘Futuro e igualdade de oportunidades no Rural’ na que participaron Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia, quen comezou a súa intervención sinalando que non se pode falar de rural sen falar de mulleres. Puxo sobre a mesa unha serie de datos relacionados coa agricultura e gandería, o emprendemento, atención a maiores, axuda no fogar ou violencia de xénero; e pediu accións coordinadas por parte de todas as administracións e políticas especificas para un medio rural condenado polas cocientes.

Carlota Díez, coordinadora de proxectos do consello COLEF sinalou a oportunidade que a actividade físico deportiva representa para o rural. “Hoxe en día, o deporte é unha necesidade básica para atraer xente aos pobos, pero, o exercicio físico, debería ser unha necesidade básica para todo o mundo porque é saúde”, dixo. Nicole Grueira, deputada no parlamento de Galicia referiuse ás oportunidades que os mozos teñen no medio rural que as hai, dicía, a pesar de problemas como o despoboamento ou a falta de substitución xeracional. “As administracións”, engadía, “deben ir da man para axudar a que os mozos se incorporen ao medio rural”. Susana Lanaspa, membro de Mozos Dinamizadores Rurais, deu a coñecer este proxecto de cooperación que xurdiu hai 18 anos en Aragón para axudar a este colectivo para desenvolverse.

As xornadas continuarán mañás coa programación de tres mesas sobre ‘Servizos para vivir’, ‘Políticas públicas europeas con perspectiva de despoboamento’ e ‘Innovación, a clave do desenvolvemento para a montaña’ e cun taller de territorio rural intelixente dirixido a novos estudantes.

Artigos relacionados

Back to top button