EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Comeza o “Pincho Xoves” en 24 establecementos de Verín

A terceira edición deste concurso gastronómico de primavera desenvolverase na vila do 4 de maio ao 1 de xuño

Gastronomía e premios na hostalaría verinesa. Son os ingredientes principais da terceira edición de “Pincho Xoves”, que se desenvolverá do 4 de maio ao 1 de xuño en ata 24 establecementos de hostalaría de Verín.  En cada un deles servirase un pincho diferente os xoves a un prezo de 1,5 euros e disporán dun “pasaporte” que o cliente poderá ir selando en cada establecemento e que lle permitirá entrar no sorteo de diversos premios. O pasaporte deberá estar cuberto polos datos do usuario e nel poderá marcar o pincho que máis lle guste. Despois poderá despositalo nas urnas que se colocarán tamén nos locais.

“Este é o ano no que acadamos o máximo número de participantes. Esta é unha iniciativa cun éxito que nos desbordou dende o principio e iso temos que agracerllo aos clientes que colaboran con nós visitando os locais e consumindo os pinchos”, explicaba Francisco Pérez presidente da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM), Francisco Pérez, na presentación do Pincho Xoves.

Os establecementos da ruta gastronómico son: Hostal Restaurante Brasil, Hostal Restaurante Lugano, Hostal Restaurante O Augueiro, Hostal Restaurante S. Roque, Restaurante Casa Manola, Restaurante O Castelo, Bar Gandainas, Bar do Caneda, Cafetería Agora, Parador de Turismo de Monterrei, Restaurante Bar A Fonte, O Recuncho da Jacinta, A brasa, O Souto das Candeas, A Palleira, Cafetería O Lure, Casa Nela, Bar O Tixo, Café Bar Le Palace, Café Bar Tapería A Merced, Parrillada A Fraga , O Regueiro da Cova, O Gallofa, Hostal O Ribeiro Claro.

Esta iniciativa está sendo promovida pola Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM) coa colaboración do Concello de Verín, a Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), a AECT Chaves-Verín, Paradores de España e a Cámara de Comercio.

Nesta presentación, que tiña lugar na Casa Consistorial de Verín, Francisco Pérez estaba acompañado polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo,  quen aproveitaba para para presentar a reedición impresa do rueiro gastronómico de Verín, editado por AEHCOM e o Concello de Verín. “Este folleto é unha guía rápida coa que todos os veciños e visitantes de Verín poden, ademais de situar os puntos de interés da nosa vila, coñecer dunha soa ollada a oferta gastronómica que ofrecen os establecementos adscritos a esta asociación”. Ademais poñía en valor a colaboración entre o Concello e os empresarios de hostalaría confiaba en poder editar no futuro unha nova edición deste rueiro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button