ConcellosÚltima hora

Comeza o trampeo para capturar raíñas de “Vespa velutina”, clave para minimizar o seu impacto

Dende a Asociación Valdeorras de Apicultores pídese a colaboración dos veciños da comarca para loitar contra esta especie invasora

Trampa para capturar raíñas de velutinas nunha árbore florida./ Cedida.

 

A chegada do bo tempo e a floración das árbores activa ás raíñas de Vespa velutina, por iso é un momento clave para capturalas e evitar, dese xeito, que fagan niños primarios e, logo, secundarios. Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores xa comezaron a colocar trampas para capturar raíñas, pero tamén inciden na importancia de que a poboación en xeral se sume ao trampeo para lograr conter e minimizar o impacto desta especie invasora, estendida xa de forma notable pola comarca.

“No 2020 retiraronse 177 niños primarios e 130 secundarios só en Valdeorras por parte de Seaga, pero temos que pensar que seguramente quedaron outros 100 sen destruír, polo que este ano eu creo que vai ser a gran eclosión. Nós vimos os niños que estaban en árbores de folla caduca, pero esta zona está cheo de sobreiras, de aciñeiras, de carrasqueiras…, e aí non se ven os niños e, a parte, tamén crían no chan, nos silveiros”, sinala o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

De aí a importancia de iniciar xa o trampeo e capturar ás raíñas. “Este é o momento de atrapalas porque están soas, teñen que empezar a saír, a buscar papel para facer o niño, a buscar comida para ela e, unha vez que poñen os primeiros ovos, saen tamén a buscar comida para alimentar ás primeiras larvas. Está cun traxín tremendo e co olfato que teñen entran de marabilla nas trampas”, indica este apicultor, que lle pide á poboación da comarca que trampee e colabore na loita contra especie. “Non é un problema só dos apicultores, deste xeito a xente vai evitar que lles fagan un niño primario na súa casa, no alpendre, no voladizo ao lado da fiestra, etc”.

Armando Rodríguez lembra ademais que se trata dun problema de “saúde pública” porque se xa se teñen dado casos en Galicia de persoas que estaban desbrozando e tocaron un niño que estaba no chan, cun resultado tráxico de morte.

 

O presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, amosando unha trampa para a velutina./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como se fai o trampeo de raíñas de velutina?

A preparación e instalación de trampas contra estes insectos invasores é algo sinxelo. As trampas fanse a partir dunha botella de plástico de auga baleira, á se que lle fan dous buracos (por exemplo, cunha broca) un enfronte do outro, cunhas dimensións entre 8,5 e 9 mm, e un pouco antes do inicio do colo da botella. Nela introdúcese un líquido atraínte, feito con dúas partes de zume de arandos e unha parte de viño branco, ocupando 4 dedos ou un poquiños máis do fondo da botella.

“Só pedimos que quen teña unha casa cunha árbore ou varias árbores froitais cerca que coloque esta trampa a 1,50 m de altura naquelas árbores que estean en flor neste momento. Agora mesmo xa hai moitas, por exemplo os cereixóns. Logo empezará a da maceira, co cal habería que cambiar de árbore a botelliña, iría pasando dunhas árbores a outras en función da floración”, explica Armando Rodríguez.

Nesta época do ano o líquido da trampa pode durar tranquilamente 20 días. Cando se enchen de velutinas, hai que baleiralas, coar ese líquido cun coador, retirando as avespas, e repoñer o líquido atraínte”, engade Armando Rodríguez, que insiste en pedir a colaboración dos veciños de Valdeorras, para que “lle boten unha man á natureza, non soamente aos apicultores, xa que as velutinas están machando un montón de insectos, rompen o seu ciclo e a súa cadea alimentaria. E, sobre todo, é un problema de saúde pública. Se ti invades o seu espazo natural poden atacarte. Ou colaboramos todos ou este problema cada ano vai a ir a máis”, indica.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button