ConcellosÚltima hora

Comeza a renovación da Praza de Abastos do Carballiño

As obras, que inclúen áreas de lecer, rotulación, beirarrúa e aparcamento, rematarán en tres semanas
Obras na Praza de Abastos do Carballiño.
Obras na Praza de Abastos do Carballiño.

A Praza de Abastos do Carballiño está renovando a súa imaxe, tanto interior como exterior. Esta semana comezou a executarse o proxecto de modernización das instalacións, promovido pola concellería de Promoción Económica, que dirixe Adolfo Nogueira, e que conta coa cofinanciación da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O prazo previsto para o remate das obras é de tres semanas, e o seu custo global é duns 90.000 euros.

Tal como adiantan dende o Concello do Carballiño, os cambios que se producirán no mercado municipal serán moi visibles, xa que está prevista unha nova rotulación homoxénea con grandes paneis tanto no exterior do edificio como nos postos do interior. Asemade, crearanse dúas áreas de lecer, unha zona de estar con butacas e outra zona de xogos infantís.

A reforma tamén afecta á parte traseira do edificio, onde se está a construír unha beirarrúa para acceder ao interior polo lateral, e unha zona de aparcamentos con capacidade para uns vinte vehículos. Tamén se remodelará a zona dos contedores de lixo desta parte posterior.

Despois desta renovación, tanto o Concello como a Asociación de Praceiros intensificarán as xestións para conseguir ocupar os postos baleiros con produtos que poidan resultar de interese para o conxunto da praza e para os veciños, como o pan artesán, charcutería, queixería, entre outros que non se atopan neste mercado e poden ser un revulsivo para mercar carne ou pescado fresco, que é a principal oferta da Praza de Abastos do Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button