ConcellosQuirogaÚltima hora

Comezan a descender os casos activos de Covid en Quiroga, con 119 positivos

A partir das 15 horas dous equipos da consellería desprazaranse ata a o centro médico para realizar os test aos 100 veciños citados para hoxe

 

Parece que os datos indican que Quiroga chegou ao pico da pandemia e incluso comeza a descender. Tras a continua subida de casos activos de Covid dende o pasado 17 de xaneiro, o Sergas confirmaba cada día un importante aumento de casos na incidencia acumulada a catorce días, chegando aos 121 positivos. Esta cifra descendeu o venres pola noite cando se notificou un aumento de 5 casos e o sábado cando o aumento foi de 4 novos positivos. Pero a nova esperanzadora chegou cando se coñeceron os datos de onte domingo ás seis da tarde, nos que se reflectía que por fin a curva de casos comezaba a dobregarse.

Os datos de onte domingo e que o Sergas daba a coñecer esta mañá abren a porta á esperanza de que esta mala situación comece a remitir, posto que aínda que se detecten novos casos xa son máis os casos de persoas que lograron superar o Coronavirus e fan descender o número de positivos ata os 119.

Estes datos coñécense o mesmo día que en Quiroga comeza a realizarse o cribado masivo a 500 veciños e veciñas. A partir das 15 horas dous equipos da consellería desprazaranse ata a o centro médico para realizar aos test de antíxenos a aqueles quirogueses de entre 30 e 70 anos que previamente recibiran unha mensaxe citándoos a unha hora concreta. Na xornada de hoxe son cen as persoas citadas.

Esta mañá tamén se abrían as dúas aulas pechadas no CEIP de Quiroga por ter alumnos positivos en contacto cos demais nenos da súa clase.

Artigos relacionados

Back to top button