ConcellosEn portadaLaroucoÚltima hora

Comezan as obras da nova senda peonil entre Freixido e A Caseta (Larouco), na OU-636

Desenvólvese na marxe dereita desta vía unha senda de formigón de 160 metros de lonxitude e ancho de 2,50 metros e outro itinerario das mesmas características na marxe esquerda, á altura da caseta de Conservación de Estradas da Xunta

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar a execución das obras dunha nova senda na estrada OU-636, entre Freixido e A Caseta, no concello de Larouco. Esta nova intervención de conservación e mellora da mobilidade, cun investimento autonómico de máis de 20.000 euros, virá a complementar os traballos de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade levados a cabo o pasado ano, nesta mesma vía autonómica nos núcleos de Larouco e da Caseta.

En concreto, os traballos que se veñen de iniciar comprenden a actuación en dous treitos en ambas as marxes da OU-633. Na marxe dereita desenvólvense os traballos para executar unha senda de formigón de 160 metros de lonxitude e ancho de 2,50 metros, no treito situado entre os puntos quilométricos 19+920 e o 20+080. Ademais, executarase outro itinerario das mesmas características na marxe esquerda desta mesma vía, á altura da caseta dos servizos de Conservación de Estradas da Xunta.

Con esta actuación dáse cumprimento o compromiso adquirido pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa alcaldesa de Larouco, Patricia Lamelas, de darlle continuidade aos traballos executados o pasado ano nos núcleos de Larouco e da Caseta.

Neste caso, a Xunta executou cunetas transitables para a súa conexión coas beirarrúas existentes, favorecendo os desprazamentos a pé dos veciños entre estes dous núcleos.

No marco destes traballos tamén se adecuaron os pasos de peóns para o cumprimento dos requisitos de accesibilidade. Estes traballos supuxeron un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.
Máis concretamente, no núcleo de Larouco habilitáronse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectan coas beirarrúas actuais. Tamén se reforzou a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

No núcleo da Caseta executáronse tamén tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910. Este novo investimento da Xunta en Larouco enmárcase na liña de traballo impulsada pola Xunta de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.

Artigos relacionados

Back to top button