ConcellosO BarcoÚltima hora

Comezan as obras de pavimentación na praza das Airas, no casco antigo barquense

 

Dende onte está cortado o acceso á praza das Airas, no casco antigo do Barco. Nela acaban de iniciarse unhas obras de acondicionamento, que se licitaban o pasado verán cun orzamento duns 115.000 euros.

A actuación, cun prazo de execución de 3 meses, consiste na canalización e soterramento dos servizos aéreos na praza das Airas e nas rúas das Airas e do Forno, coa pavimentación da praza e das rúas colindantes mediante adoquinado de granito.

Para isto será preciso demoler e retirar case 200 m2 de pavimento de formigón existente na zona, colocar unha nova rede de alumeado e das redes de comunicación, así como os tendidos aéreos na zona, para reducir o impacto visual destas infraestruturas, tal e como informaba tras a súa licitación a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así, con esta intervención completarase a urbanización que se recolle no Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) do Casco Antigo do núcleo do Barco de Valdeorras, que recolle actuacións (xa executadas) na Rúa real e San Roque, así como na Rúa San Mauro. A obra enmárcase dentro do Plan Hurbe.

Artigos relacionados

Back to top button