OurenseÚltima hora

Comezan as obras de prolongación da senda do río Badella en Bande

Construirase un sendeiro de 800 metros e procederase á limpeza de leito e marxes

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de iniciar as obras de prolongación da senda do río Badella ao seu paso polo municipio de Bande. Estas actuacións foron adxudicadas á empresa Obras Gallaecia, S.L. por importe de 275.000 euros e han de ser executadas en prazo máximo de 6 meses.

No ano 2012 este organismo de conca executou a primeira fase de actuacións para recuperar este espazo natural situado na contorna do río Badella, que presentaba un alto grao de degradación ambiental ao seu paso polo núcleo urbano de Bande (Ourense), froito do crecemento urbano pouco sostible do núcleo principal.

O novo proxecto

As novas obras consisten na prolongación do carreiro fluvial, nunha lonxitude aproximada de 800 metros, así como na limpeza do río e tratamento silvícola da vexetación de ribeira. As obras comezaron coa provisión de materiais e de maquinaria para proceder ao movemento de terras e inicio da execución do proxectado.

Nestas actuacións investiranse máis de 275.000 €, sufragadas nun 80% pola CHMS e nun 20% restante pola Deputación Provincial de Ourense.

“As distintas administracións temos o deber de valorizar e de potenciar a riqueza ambiental presente no territorio, así como de fomentar un desenvolvemento máis sostible”, explica o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga; e “desde a CHMS sempre estaremos dispostos a colaborar cos concellos nos proxectos que posibiliten o uso e goce do noso valioso patrimonio fluvial”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button