CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Comezan as sesións musicais online “Sónasme”, promovidas por Farlope.Fazine dende Verín

Os seus primeiros protagonistas son Dani García e Álvaro Rúa, directores da Banda de Gaitas Nova Era, que interpretan o “Romance de cego de San Esteban de Negros”

Dani García e Álvaro Rúa, directores da Banda de Gaitas Nova Era, interpretando o “Romance de cego de San Esteban de Negros”./ Imaxe: Farlopa Fanzine.

 

Farlopa.Fanzine vén de lanzar nas redes ás 15h. deste domingo 23 de maio o seu novo proxecto, “Sónasme”. Consiste en sesións musicais gravadas dende a galería da “Casa do Comercio”, o emblemático edificio da Praza García Barbón de Verín, recoñecible pola súa fermosa torre coa fachada deseñada polo arquitecto Vázquez-Gulías. Con esta actividade, Farlopa.Fanzine pretende “mesturar música e patrimonio co fin de continuar dinamizando o tecido cultural da comarca”, convertendo ademais ese patrimonio “no escenario dun festival musical online que agarda acoller as actuacións de moitos músicos da comarca de Verín”.

Os primeiros protagonistas de Sónasme son Dani García e Álvaro Rúa, directores da Banda de Gaitas Nova Era, cunha actuación na que interpretan o “Romance de cego de San Esteban de Negros” con gaitas en sol e en do. Trátase dunha peza recollida no Cancioneiro de Casto Sampedro que foi arranxada por Lois Prado. Este vídeo é o primeiro en ver a luz na canle de You Tube de Farlopa.Fanzine.

 

 

 

“Agardamos que esta idea guste moito e que a xente se anime a participar. Xa temos preparadas algunhas sesións, pero sería fantástico recibir propostas para as seguintes actuacións. Queremos que a xente perda o medo escénico, que se animen a participar nestas actividades sen vergoña. Sónasme nace precisamente para iso, para sonarnos uns a outros, para que saibamos quen somos e o que facemos”, comentan Alejandro e Sabela dende Farlopa.Fanzine.

En “Sónasme” terán cabida todos os estilos musicais, permitindo así participar a todos os músicos da contorna. As sesións publicaranse de xeito regular na canle de You Tube de Farlopa.Fanzine, un proxecto cultural que está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida.

Artigos relacionados

Back to top button