En portadaÚltima hora

Uns 200 atletas de todas as idades participaban na XXXV Milla Urbana do Barco

 

Ademais de competición de alto nivel, con atletas da categoría élite de talla mundial como o vencedor desta edición, Mohamed Attaoui, a Milla Urbana do Barco é tamén unha proba popular, cunha gran participación de corredores de toda a gama de idades, dende meniños de meses ata veteranos.

 

 

E así podía comprobarse na 35ª edición desta proba que se celebraba con éxito na tarde do 17 de setembro no marco das Festas do Cristo. En total foron uns 200 os participantes nesta edición, boa parte deles atletas da base. Numerosas persoas seguían tamén as diferentes carreiras, que comezaban ás seis da tarde e desenvolvíanse ata pasadas as oito, onde competían xa os absolutos.

 

 

Solange Pereira, seguindo a Milla do Barco.

 

Entre ese público esta a ganadora de ata 11 edicións da Milla barquense, Solgange Pereira, que nesta ocasión desfrutaba da cita dende fóra da competición, xa que deixaba o atletismo neste ano. Tamén acudía o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, e representantes do Concello do Barco, encabezados polo seu alcalde, Alfredo García.

 

 

“Quizais o tempo non os acompañou moito nesta edición, e quizais ese tempo fixo que nalgunha categoría baixara un pouco a participación, se ben nos populares/veteranos houbo máis xente que o ano pasado, e nos atletas pequeniños tamén tivemos unha boa participación. O público tamén respondeu e a carreira absoluta atraeu a moitas persoas porque tivemos atletas de moitísimo nivel”, destaca dende a organización Agustín González “Tinín”. De maneira similar se manifestaba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, destacando a alta participación nesta proba atlética.

 

 

O control da Milla quedaba en mans de xuíces valdeorreses, coordinados por Montserrat Barrio, todos da Delegación Valdeorresa da FGA. Esta proba foi organizada polo Concello do Barco e pola Federación Galega de Atletismo en colaboración co Club Adas do Barco, e co apoio doutras administracións como a Xunta e a Deputación de Ourense, así como diversas casas comerciais que doaron material.

 

 

Durante a proba a organización contaba coa colaboración de Protección Civil do Barco, da Policía Local e tamén de Ambulancias Sil, que velaban pola seguridade no circuíto, así como co labor inestimable dunha decena de voluntarios do Club Adas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button