Leitugas, patacas, tomates, pementos, cebolas, fresas, calabacíns e ata melóns e sandías. Na horta do colexio Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras dase un pouco de todo. Despois de ter a terra preparada, nun recuncho do recinto escolar, na tarde do 19 de marzo (Día do Pai) tocaba poñer dous sucos de patacas, plantar outro de leitugas e sementar os pementos, os tomates, máis leitugas e as cebolas (en botes de iogur baleiros) que máis adiante tamén plantarán.
Pasaban das 15:30h. cando tódolos rapaces do centro distribuídos por ciclos (cada un co seu labor) acompañados polos profesores e un grupo de residentes do Centro da 3ª Idade de Valdegodos, se dirixían á horta para comezar os labores de campo. Os anciáns daban consellos e as principais indicacións, os profesores organizaban os traballos, e os cativos… ían facendo o que podían.
Deste xeito, os alumnos do colexio de Vilamartín coñecen de primeira man os ciclos das plantas, aprenden a respectar e coidar o medio ambiente, e tamén os hábitos alimenticios. De feito estes son os obxectivos que persiguen dende o centro escolar que leva varios anos desenvolvendo o programa “horto na escola” dentro do Plan Proxecta. A súa coordinadora Celia Rodríguez Pérez, explica que a idea xurdíu hai tres cursos “propúxenlle aos máis maiores a posibilidade de ter unha horta e a idea gustoulles tanto e estaban tan ilusionados que xa non houbo marcha atrás”, e niso están.
No proxecto colaboran tódolos profesores e o párroco que vai unha vez á semana e axúdaos moito, e este ano contan tamén e por primeira vez, coa colaboración da Residencia de Valdegodos “os anciáns axúdannos e guíannos cos seus consellos porque son os que máis saben disto, e nós levámoslle alegría ao centro en momentos especiais como por exemplo o Entroido” explican dende o centro.
Nesta actividade todos poñen o seu gran, e nunca mellor dito porque o que hoxe é unha semente, no verán será un fermoso tomate ou pemento que os nenos poderán degustar no comedor. Así pois dende a sementeira na primavera ata a colleita no verán, os cativos do colexio seguirán o proceso dos alimentos naturais, chegando incluso a axudar á cociñeira a preparalos para despois podelos comer.
Haberá que irlle botando unha ollada de cando en vez a esta peculiar horta que de seguro dará saborosos vexetais e froitas.
Texto: Mónica G. Bellver Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil).