Este domingo desenvolvíase o segundo e último taller de escaparatismo de tempada, enfocado na temática do Nadal, promovido dende a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) en colaboración coa Deputación de Ourense a través do programa AEVAEMPREGATE VI. Nel participabane máis de 20 establecementos da comarca.
Esta iniciativa, que forma parte do plan de dinamización comercial impulsado por AEVA, ten como obxectivo apoiar aos comerciantes locais a mellorar a visibilidade e atractivo dos seus escaparates durante as festas do Nadal, atraendo así a máis visitantes e xerando un maior impacto económico.
O taller, contou coa presenza de Cany Juncal, experta en escaparatismo, que guiou aos asistentes a través de técnicas de deseño e montaxe, cun enfoque especial na creación de ambientes festivos e acolledores. Ao longo da xornada, os participantes puideron aprender a utilizar a iluminación, as cores e a distribución dos elementos decorativos para transmitir o espírito do Nadal nos seus comercios.
Esta edición, do mesmo xeito que a anterior, destacou pola alta participación e o entusiasmo dos asistentes, que valoraban positivamente a experiencia e manifestaron a súa intención de aplicar as ideas aprendidas nos seus escaparates para atraer a atención dos clientes durante a próxima campaña do Nadal. Ademais, realizáronse sesións personalizadas de mentoría con cada negocio para adaptar as propostas ás necesidades específicas de cada un.
“O escaparate é a carta de presentación dun negocio e, especialmente nestas datas, é fundamental crear un ambiente que inspire e chame a atención de quen pasea polas nosas rúas. Estes talleres axúdannos a estar á altura e a poñer en valor a oferta comercial de Valdeorras”.
Con esta actividade, AEVA pecha o ciclo de talleres de escaparatismo programados para este ano. A asociación segue apostando por “iniciativas que fomenten a competitividade e a diferenciación dos comercios locais, contribuíndo así ao crecemento económico e ao fortalecemento do comercio de proximidade na comarca”, tal e como asegura.
Fotos cedidas.