CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Como o son dun chifro dun capador ourensán inspirou a Miles Davis

O alumnado da escola de Luíntra desvela esta singular historia da que agora se cumpren 7 décadas

Chifro de capador como o que se usou para gravar a melodía./ Foto: Escola de Luíntra.

 

Cúmprense 70 anos da historia que unía ao folclorista norteamericano Alan Lomax, a súa asistente de gravación, Jeanette Bell, e ao coñecido músico Miles Davis con José María Rodríguez, veciño de Luintra. Unha historia na que unha melodía, que este ourensán tocaba co seu chifro de capador e que foi gravada magneticamente por Lomax no ano 1952, acababa por inspirar o inicio da canción The Pan Piper, que Miles Davis gravou no ano 1960.

Para divulgar e pór en valor esta fermosa historia o alumnado da escola de Luíntra comezaba “unha investigación con novos e interesantes resultados que se dará a coñecer o vindeiro 29 de novembro ás 11:30 da mañá para conmemorar o 70 aniversario”, explican dende este centro escolar.

Para iso, a comunidade educativa da escola de Luíntra, acompañada pola veciñanza, familiares e por diferentes autoridades institucionais, vai participar no acto de inauguración dos tres murais cos protagonistas desta historia realizados no patio escolar polo artista Antón P. Couto. Ademais, poderá escoitarse a historia e os descubrimentos da investigación contada polo alumnado do centro, asícomo máis detalles co testemuño de Celita, a sobriña de José María. Ademais, “soará en directo, despois de 70 anos, o chifro do noso veciño, e tamén teremos unha actuación musical inspirada nestes feitos”, adiantan dende o centro.

Con esta iniciativa esta escola pretende render “homenaxe á música tradicional galega e aos nosos intrumentos como o chifro de capador”.

Artigos relacionados

Back to top button