OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense propón instalar unha tirolina que atravese o Miño

O cable colocaríase entre o Centro Comercial Ponte Vella e o barrio da Ponte e estaría incluída dentro dun parque de lecer instalado nese área comercial
A proposta será trasladada á comunidade de propietarios do Centro Comercial.

O Concello de Ourense vai propor á Comunidade de Propietarios do Centro Comercial Ponte Vella, a través da Concellería de Comercio, a creación dun parque de lecer que tería como atractivo principal tirolinas que atravesen o río Miño dende o Centro Comercial ata o barrio da Ponte.

Esta iniciativa presentouna hoxe, 2 de novembro, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rola de prensa posterior á Xunta de Goberno Local. O rexedor ourensán asegurou que “se converterá nun importante centro de ocio para os ourensáns e visitantes”.

Se a comunidade de propietarios presenta un proxecto de viabilidade, este sería estudado polo Concello ( en colaboración co Ministerio de Fomento ou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, administracións afectadas) para convocar un concurso para a construción, instalación e explotación dese sistema de tirolinas con actividades conectadas á conta do Centro Comercial.

Este foi un dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local de hoxe, entre os que tamén se falou do concurso para a subministración de gasóleo de calefacción para diversos centros do Concello. Segundo explicou Jesús Vázquez, o expediente de contratación quedou deserto posto que quedou excluía a única licitación “por presentar unha proposta económica que incrementa nun 15% o orzamento”, que era de 50.500 euros cada ano.

Neste mesmo apartado, procederon a aprobar a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de mantemento do sistema de préstamo de bicicletas do Concello. A empresa que mellor puntuación ten agora 10 días hábiles para presentar toda a documentación requirida.

Artigos relacionados

Back to top button