As sesións plenarias da Corporación de A Pobra de Trives poderán seguirse a partires de agora por facebook. Así o vén de anunciar o Concello trivés, que matiza este sistema de transmisión porase en marcha xa no pleno convocado para o vindeiro xoves 30 de novembro.
“Queremos utilizar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para achegar os plenos aos veciños”, di o alcalde, Francisco José Fernández. Sen esquecer que as sesións son abertas á cidadanía, o rexedor di ser consciente de que non sempre a veciñanza pode achegarse, ben pola hora, porque se esquece ou porque non pode desprazarse ata o consistorio.
A través desta iniciativa ábrese un abano grande de posibilidades, posto que as persoas interesadas non só poderán seguir a sesión en directo, senón que despois quedará colgada no Facebook do Concello (https://www.facebook.com/concellodapobradetrives/) e tamén se enlazará á web municipal (http://www.apobradetrives.es/). “Funcionará a modo de hemeroteca, para que calquera persoa poida consultar o que se falou nos plenos, e escoitarao directamente da boca das persoas que interveñan”, engade Fernández.