ConcellosGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Concentración en defensa do Hospital de Valdeorras e dunha “sanidade digna”

Celebrábase este mediodía no exterior deste centro sanitario

 

Numerosas persoas concentrábanse ás 12h. deste 6 de outubro no exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, en defensa deste centro, nun acto convocado dende a Xunta de Persoal do Distrito Sanitario do Barco. “Antes do 2011 este hospital era eficaz e eficiente, pero dende entón está sendo desmantelado pouco a pouco e dunha forma paulatina, e, ou o defendemos, ou vai morrer. Agora está na UVI. Temos que defender este hospital e a sanidade, queremos evitar que morra”, dicía con rotuntidade Suso Vilasánchez, representante da CIG na Xunta de Persoal do hospital.

Ademais Vilasánchez lembraba, botando man dos datos, os servizos e especialistas cos que contaba o hospital barquense antes do 2011, e que se foron perdendo, entre eles dermatoloxía e uroloxía, “se non temos esa visión de conxunto, do número de especialistas e servizos que había, e os que hai agora, entón non podemos darnos conta do que está pasando”. Tamén apuntaba que, dada a singularidade mineira desta zona, “deberíamos contar cun servizo de neumoloxía importante, pero non o hai. Temos que ter un hospital adaptado ás nosas necesidades, pero non o temos, non temos especialistas”. Así mesmo, amosaba a necesidade de defender tamén a atención primaria.

Pola súa banda, Víctor Pariente, representante de UXT na Xunta de Persoal, aseguraba que este tipo de demandas véñense repetindo dende o 2011, e “vimos reinvindicándooas cada ano dende entón, agás no 2020, pola pandemia. A supresión da Área Sanitaria de Valdeorras foi a puntilla para este hospital”.

Así mesmo, Pariente comparaba a situación do hospital do Barco coa doutros comarcais, como os de Monforte, Burela ou mesmo o de Verín, asegurando que “a priori, están nunha situación mellor en canto a facultativos”. Ademais, pedía a implicación do sector empresarial en apoio do hospital e da sanidade en Valdeorras, “aquí hai un tecido produtivo importante e sería bo que, o mesmo que reivindican infraestruturas, reivindiquen mellores servizos sanitarios neste distrito porque a sanidade pública tamén é un investimento importante”. E anunciaba que se vai continuar “neste defensa e nesta loita da sanidade pública” con novas accións.

Ademais de membros da Xunta de Persoal, de traballadores do hospital e de veciños, nesta concentración tamén paticipaban representantes políticos como a deputada galega do BNG, María Albert; a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, ou concelleiros de municipios como O Barco.

Artigos relacionados

Back to top button