O exterior do Centro de Saúde de Viana do Bolo convertíase en escenario na mañá do 22 de setembro dunha concentración convocada dende a Asociación Bico Doce para pedir “un servizo de pediatría de calidade para a nosa infancia”. Esta acción reivindicativa tiña lugar días despois de que o Sergas anunciase que vai estudar a ampliación deste servizo de atención sanitaria na zona.
“Esta é unha chamada de atención para dicir que estamos aquí e que seguimos demandando un mellor servizo de atención pediátrica”, din dende a Asociación Bico Doce. Durante a concentración tamén se redactaban novas queixas sobre este tema que se están a presentar a través do portelo único do Concello de Viana, xa que “no Centro de Saúde néganse a recibir as nosas queixas”. Dende esta entidade cifran en máis de 250 as queixas presentadas ata o momento e anuncian a súa intención de continuar coas accións reivindicativas ata que se consiga “un servizo de pediatría adecuado”.
Fotos cedidas pola Asociación Bico Doce de Viana do Bolo.