A música de Antía Muíño volta ao Barco. Foi unha das primeiras das artistas participantes na primeira edición do ciclo Terrasón, organizado polo Concello no 2020. Dende ese momento a súa carreira só tomou camiño ascendente.
Considerada unha das revelacións musicais do 2023, Muíño fíxose cun premio Martín Códax da música galega e recibiu dous nomeamentos aos Premios MIN, ademais de ser embaixadora de EQUAL Spotify ou aparecer en Billboard despois da saída do seu primeiro disco “Carta Aberta” a finais do 2022.
A cantante regresa agora ao Barco dentro do XII Ciclo De Perto. Así mañá venres poderá gozarse do seu directo de novo, esta vez con banda completa. Será presentando o seu “Carta Aberta Tour” ás 22:30h. na praia fluvial do Malecón.
