‘O 4’ da Rúa convida a gozar dos grandes éxitos do pop español da man do dueto coruñés Dos en Punto. Será mañá, sábado 12 de abril, a partir das 23 horas servindo como aperitivo á chegada da Semana Santa.
A xerencia do establecemento rués quere celebrar a chegada da primavera apostando pola música en vivo este sábado pola noite, creando un gran ambiente festeiro co dúo formado polos músicos Hugo Torreiro e Carlos Bau. Dous artistas que unen forzas e festa nun espectáculo para todos os públicos onde repasan os grandes éxitos do pop español de todas as épocas.
Trátase dun proxecto no que levan traballando dende hai uns 8 anos e co que xa percorreron gran parte da xeografía galega combinando música de Los Secretos, Nino Bravo, Estopa, Melendi, Amaral, Alaska, Hombres G e ata a mesmísima Rocío Jurado.