Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Conclúen as obras nos sistemas de illamento e tratamento da EDAR de San Cibrao

O presidente da CHMS e o alcalde deste municipio supervisaban na mañá do 14 de novembro a actuación, cun investimento de 40.000 euros

As actuacións de mellora dos sistemas de illamento e tratamento de verquidos na depuradora de San Cibrao das Viñas (Ourense) veñen de finalizar. Con esta obra, realizada a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), búscase mellorar a calidade das augas do río Barbaña e dos regatos próximos.

Na mañá do 14 de novembro, o presidente da confederación, Francisco Marín, e o alcalde do municipio, Manuel Pedro Fernández, supervisaban o resultado desta intervención, que ten suposto un investimento de 40.000 euros, sufragados ao 50% a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións.

O obxecto desta actuación é automatizar e mellorar a reposta da Estación Depuradora de Augas Residuais –EDAR- “á entrada de augas con niveis de pH inadecuados, tendo en conta que a instalación contaba cun sistema, previo ao tratamento biolóxico, de almacenamento e acondicionamento dos citados verquidos que se xestionaba de xeito secuencial e manual. Por iso a CHMS e o Concello de San Cibrao das Viñas acometeron unha actuación na que se procedeu á instalación de equipos para dosificación de reactivo así como á instrumentación para o seu telemando, de maneira que se posibilita a xestión dos caudais fóra de
rango de pH de maneira automática, o tratamento de forma continua dos verquidos e o aumento da capacidade de resposta do sistema ante episodios que puideran producir afeccións ao ecosistema”, segundo o organismo de conca.

De forma complementaria, o Plan Hidrolóxico da Demarcación do Miño-Sil, con respecto ao río Barbaña, establece como medidas necesarias as melloras da EDAR a través dun tratamiento terciario e dos sistemas de saneamento, augas arriba do executado. Nese senso, dende a CHMS adiantase que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente está licitando novos contratos de saneamento e depuración das augas con cargo ao novo Plan de Medidas para o Crecemento, a Competitividade e a Eficiencia (Plan CRECE).

Fotos: CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button