En portadaÚltima hora

Coñecendo as singularidades do castro do Castrillón (Larouco) da man de voluntarios de diferentes partes de España

Na recta final do campo de voluntariado arqueolóxico e ambiental que se desenvolve no xacemento tiña lugar esta tarde unha visita guiada

 

Ademais do seu gran valor arqueolóxico, o enclave do poboado prerromano Castrillón (Larouco) posúe un gran interese dende o punto de vista paisaxístico e medioambiental e ofrece unha espectacular visión do Macizo Central Ourensán. Nestes aspectos incidían os mozos participantes no campo de voluntariado arqueolóxico e ambiental do Castrillón, que na tarde deste mércores realizaban unha visita guiada polo xacemento, na que tamén explicaban as actuacións realizadas nestes días.

Este campo de voluntariado, que se desenvolve por segundo verán consecutivo (promovido polo Concello de Larouco co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a través de Xeitura S. Cooperativa Galega) está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos de idade e conta cun total de 8 participantes (6 rapazas e 2 rapaces) de diferentes partes de España (León, Zaragoza, A Rioxa, País Vasco, Valencia…), pero ningún deles galego. Comezaba o 4 de xullo e rematará o vindeiro 15 de xullo, sendo o único e o primeiro deste tipo na comarca de Valdeorras.

“Este campo planxemólo como continuidade do que ser realizou o ano pasado, unido ás escavacións que se fixeron de maneira oficial. No 2021 os voluntarios non escavaron, senón que facían observación e pequenas axudas aos arqueólogos, pero si realizaban traballos de limpeza de camiños e de colocación de caixas niño. Este ano a nivel arqueolóxico fixeron limpeza, limparon as cabanas de maleza e o seu entorno e, a nivel ambiental, tamén continuamos repasando ben os camiños. Ademais na zona das pedras fincadas fíxose un campo que as bordea para para evitar que a xente pase por enriba das pedras e que se deterioren”, explica Raúl Fernández, coordinador do campo de voluntariado.

 

Raúl Fernández, coordinador do campo de voluntariado do Castrillón (Larouco).

 

Así mesmo, a través do campo de voluntariado acometíanse actuacións noutros puntos do municipio como é o caso dos lagares atopados recentemente. “Fíxose unha pequena limpeza para a Ruta dos Lagares que vén de crear o Concello. Ademais estivemos no castro que está no do alto da Ermida e que, desgrazadamente ardeu hai pouco, e nel os voluntarios prospectaron o terreo para ver se se detectaba algún resto de material, que o se ía rexistrando coa arqueóloga”.

Esta mañá os voluntarios centrábanse na preparación da visita guiada polo Castrillón que comezaba arredor das sete e media desta tarde e na que abordaban dende as intervencións relativas ao medio ambiente, como a colocación de caixas niños e a observación de fauna e flora, ata os valores arqueolóxicos e os diferentes puntos de interese no xacemento como o seu monumental sistema defensivo, con puntos como os fosos ou as pedras fincadas, ou as cabanas atopadas e escavadas, nunha das cales foi atopado un enterramento infantil nunha ola.

 

A arqueóloga Ángeles Coello.

 

“A raíz do que foi o campo de voluntariado do 2021, en outubro regresamos os 2 arqueólogos e un restaurador e saíu unha cabana. E este ano no campo de voluntariado o que fixemos foi limpala. E logo remarcamos os camiños con control arqueolóxico, a ruta que eles marcaron durante o outono, rastrillamos e pasámolle coa aixada e co sacho para deixar o camiño como se fora de terra. Só saíu un cachiño de cerámica que xa o documentamos e cando se limpe todo irá ao museo e que continúa sendo de época prerromana”, indica a arqueóloga Ángeles Coello Fernández-Salgado.

O punto de vista dos voluntarios

A de mañá xoves será a derradeira xornada do campo de voluntariado do Castrillón, pero esta experiencia, pese ao calor ten sido moi positiva para os participantes nel, tal e como destacaba Raúl González Fernández, un dos voluntarios. “Son estudante e quixen buscar aquí un sitio onde poder desenvolverme tamén a nivel persoal e descubrir outro tipo de facetas. Chamoume a atención esta zona, ao ser tamén unha zona próxima ao Bierzo, que é moi familiar para min, e ao final estaba buscando un sitio onde encontrar xente nova e un ambiente totalmente diferente ao meu persoal e profesional”.

 

Raúl González, un dos mozos voluntarios do campo do Castrillón.

 

Este mozo leonés explicaba que non coñecía esta parte Galicia e que o campo pareceulle “bastante espectacular a nivel organizativo pola actividades que puidemos realizar. E a nivel de convivencia, notouse que as persoas encargadas se encontraban totalmente preparadas para iso e, pese ás condicións climatolóxicas, que foron un pouco difíciles polo calor, enfocaron as actividades para poder desenvolvelas dunha maneira segura e responsable e para que poidamos axudar á reconstrución do entorno do Castrillón e doutros da zona de Larouco ou de Galicia”.

Ademais este mozo, que se forma na rama da Química, comentaba que se decantou por este campo porque “sempre me chamou a atención o tema da arqueoloxía, escoitei falar deste tipo de campamentos, e tamén parecíame interesante poder desenvolver unha zona como Galicia que é tan rica en castros e neste tipo de xacementos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:

O Concello de Larouco proxecta crear un miradoiro no Alto da Ermida

Artigos relacionados

Back to top button