ConcellosLaroucoÚltima hora

O Concello de Larouco proxecta crear un miradoiro no Alto da Ermida

Así o anunciaba a súa alcaldesa durante a visita guiada que esta tarde se facía ao Castrillón

Publicidade

 

Entre os asistentes á visita guiada que se realizaba esta tarde polo xacemento do Castrillón (Larouco) estaba a alcaldesa deste municipio, Patricia Lamela, quen facía unha valoración moi positiva desta segunda edición do campo de voluntariado ambiental e arqueolóxico que se desenvolve no xacemento.

“Este é o segundo ano do campamento, foi unha iniciativa pioneira na comarca de Valdeorras grazas ao apoio d Dirección Xeral de Xuventude, e estou moi contenta porque supón unha forma de levar o noso concello ao exterior. É unha visibilidade distinta para uns rapaces aos que nunca se lle ocorrería pensar onde está Larouco. Veñen de diferentes partes de España e lévanse moi ben, hai moita harmonía. E, pese a que lles tocou unha onda de calor, e de que no Castrillón sempre ten uns graos extras, polo menos 3 ou 4 graos máis que na vila; levan feito moitas cousas e ademais lévanse divertido moito que é o importante”, sinala a rexedora de Larouco.

Ademais das diferentes intervencións levadas a cabo no xacemento, os mozos voluntarios puideron visitar lugares de interese do municipio como as súas covas e, ademais, “levan unha boa visión dos dos concellos  de Valdeorras limítrofes a Larouco”. Así mesmo, realizábanse actuacións noutras zonas do municipio como a limpeza dos lagares rupestres que forman parte dunha ruta de sendeirismo recentemente inaugurada e no Castro da Ermida.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

 

“A intención é non centrar unicamente o campo de voluntariado no Castrillón, senón amplialo ao abano do que temos para ofrecer no concello como a Ruta dos Lagares, que convido a todo o mundo a que a veña facer porque é moi curta e fácil e podes saír de tomarte un café a mañá en calquera dos dous bares do pobo e, en hora e media como moito, estás de regreso e podes volver tomar algo”.

A intención do Concello é darlle continuidade a este campo de voluntariado e tamén seguir poñendo en valor os recursos patrimoniais e naturais de Larouco. “A idea é seguir apostando polos valores arqueolóxicos e patrimoniais do Concello así como do seu entorno medioambiental. De feito a intención é recuperar o Alto do Castro (a zona do Castro da Ermida) onde imos facer unha pequena limpeza agora e deixar un pouco de sombra para facer unha especie de miradoiro, pero sen moita intervención. Este é un xacemento prerromano pero, con ocupación posterior, de feito aínda se poden ver restos dunha ermida”, explica Patricia Lamela.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:

Coñecendo as singularidades do castro do Castrillón (Larouco) da man de voluntarios de diferentes partes de España

Artigos relacionados

Back to top button