Os obxectos recuperados na escavación arqueolóxica que se realizaban neste verán nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) nos que estaba a chamada “Cidade da Selva” falan e contan moitas cousas. Cousas ata agora apenas coñecidas sobre eses campamentos da guerrilla antifranquista, considerados o núcleo central de asentamento da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Esta intervención levábaa a cabo o grupo de investigación Sputnik Labrego, en colaboración coa Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, en tres chozos nos contextos das Morteiras e do Teixadal.
Os obxectos recuperados, analizados e estudados expoñíanse por vez primeira na Casa da Escola de Casaio e agora poderán verse no Barco. Será no marco dunha conferencia e da inauguración dunha exposición no Casino da vila, titulada “A Cidade da Selva e a guerrilla antifranquista no noroeste peninsular”, que terá lugar o venres 23 de novembro. Nela contarase coa presenza de dous dos investigadores de Sputnik Labrego, Carlos Tejerizo (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Incipit) e Alejandro Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela).