OurenseÚltima hora

Conseguen deter ao atracador dun supermercado nas Lagoas

O detido é un home de 35 anos, natural de Bilbao, e levaba consigo 1.200 euros e varios cartuchos con pólvora
A Policía fixo un cordón de seguridade ante a posibilidade dun tiroteo.

As alarmas saltaban no supermercado Mercadona das Lagoas ao entraren un home armado cunha escopeta co obxectivo de atracar o establecemento. O suceso prodúxose cara ás dúas e cuarto do mediodía. Segundo informaron algunhas testemuñas, o atracador disparou en reiteradas ocasións, aínda que afortunadamente non houbo que lamentar feridos.

Segundo confirman fontes policiais, o suxeito é un home de 35 anos natural de Bilbao. Os axentes confirmaron que o home entrou no local coa intención de roubar os cartos da caixa rexistradora e que Carlos Pérez, un axente da Policía Local fóra de servizo, enfrontouse ao suxeito. O rapaz, que responde ao nome de Stefano G.U, ao verse ameazado polo axente, dispararía o seu rifle ata en tres ocasións, unha delas contra o propio axente local que evitou a bala refuxiándose tras unha estantería.

Por outra banda, dentro do local tamén estaban os clientes e epregados que, tras escoitar os disparos e ver ao home blandendo un arma, buscaron acubillo entre os lineais da tenda e o almacén.

Varias patrullas da Policía Nacional desprazáronse até o lugar. Ante a posibilidade dun tiroteo, os axentes mantiveron en todo momento a posición e formaron un cordón de seguridade diante do establecmento para evitar que algún disparo alcanzase a alguén. Finalmente, grazas á súa rápida intervención, os axentes conseguiron reducir ao atracador e levalo detido á comisaría.

Dende a Policía Nacional informan que no rexistro corporal do atracador, os axentes atoparon 1.200 euros, varios cartuchos con pólvora e gasolina. Asemade, non confirman nin desminten a reivindicación yihadista deste acto, pero recalcan que o máis probable é que non reivindicase nada e que o home presente algún tipo de problema psicolóxico.

Polo momento, permanece detido na comisaría de Policía de Ourense posto que se lle imputan, entre outros, un delito de intento de homicidio en grao de tentativa,  tenencia ilícita de armas, atentado contra a autoridade e roubo con violencia.

Fotografías da arma e do interior do supermercado AQUÍ

Artigos relacionados

Back to top button