A Xunta vén de presentar a “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”, que persegue consolidar os viños galegos nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen. Así se destacaba no acto no que participaron o conselleiro do Medio Rural, José González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, no que estiveron acompañados de José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, entidade colaboradora na elaboración de dita estratexia.
Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural lembrou que o proxecto vén suceder á Estratexia de dinamización do sector lácteo galego xa en marcha, destacando que tamén se está a traballar na que fomentará a produción e o consumo de carne. Poñendo de relevo que o sector vitivinícola aglutina máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas cun valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais, resaltou que a iniciativa xorde dun intenso traballo participativo con todos os axentes da cadea de valor entre consellos reguladores, adegueiros e viticultores, así como coas tres universidades galegas, axentes relevantes do territorio e tamén do sector turístico.
Así, José González apuntou que o grande obxectivo da estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. Resaltando que no seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a Lei de recuperación da terra agraria (para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional) avanzaba tamén a renovación do préstamo vendima, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o próximo venres da orde pola que se regula o procedemento para o recoñecemento a adegas do dereito a empréstitos de campaña no ano 2021, garantidos pola Xunta.
Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia destacou que a viticultura na súa vertente turística, o enoturismo, é un dos recursos sobre os que se vai apoiar a reactivación do sector turístico galego, como un poderoso elemento tractor de dinamización dos territorios e de atracción dun turismo de alto valor engadido. Neste sentido, Nava Castro, puxo en valor o papel destacado do turismo do viño no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, a folla de ruta presentada a semana pasada para a reactivación do turismo en Galicia, “o enoturismo encaixa perfectamente no modelo turístico sustentable e de calidade que estamos a desenvolver achegando dinamismo e riqueza ao medio rural, ao tempo que permite xerar oportunidades de emprego e conservar unha cultura do viño que enriquece o noso patrimonio”, afirmou.
46 medidas e 299 accións estruturadas en 7 eixos estratéxicos
A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia artéllase en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos. Así, no primeiro eixe relativo á cooperación, búscase incrementar a dimensión do sector vitivinícola e fomentar a colaboración entre as diferentes comarcas implicadas para afrontar os retos da internacionalización.
Deste xeito, constituirase unha entidade na que participen os axentes das cinco denominacións de orixe do viño galegas, a Xunta e outros actores, especialmente do ámbito da investigación, dos mercados e da sostibilidade.
No segundo eixe, sobre a viticultura e á produción de uva, habilitarase un programa de mobilidade da terra, recuperación de superficies abandonadas e reestruturación parcelaria para asegurar a rendibilidade das explotacións, unha vez as denominacións de orixe identificaron máis de 10.000 hectáreas susceptibles de poñer en valor. A nivel normativo proponse a mellora da xestión das autorizacións de plantacións e para garantir a incorporación de novos viticultores, promoverase un plan de fomento do relevo xeracional, priorizando os candidatos con formación universitaria e formación profesional. Ademais, porase en marcha un sistema de seguimento dos custos de produción que contribúa a mellorar a profesionalización do sector.
Mentres, para combater os efectos do cambio climático, a Estratexia contempla o impulso da produción ecolóxica e optimizar a xestión da auga, reducir o uso de fitosanitarios, introducir melloras tecnolóxicas e promover estudos de variedades resistentes a pragas e enfermidades.
No terceiro eixe para o fortalecemento da industria vitivinícola, contémplase impulsar proxectos de cooperación entre pequenas adegas priorizándoos nas axudas públicas e a habilitación de liñas dirixidas a facilitar o acceso ao crédito á industria vitivinícola con mecanismos como o préstamo vendima. No apartado da formación, incidirase na xestión empresarial e nos ámbitos da dixitalización, da cultura do dato e da industria 4.0, cun plan de formación continua para o persoal das adegas.
En canto aos estudos universitarios, avaliarase establecer un Grao en viticultura e enoloxía e un curso de posgrao interuniversitario en xestión de empresas vitivinícolas. No relativo á formación profesional, preténdese impulsar os programas de FP dual. A Estratexia tamén aposta por incentivar procesos industriais máis sustentables e favorecer a súa valorización nos mercados cun programa para promover a inclusión das adegas galegas na certificación Wineries for Climate Protection (WfCP) -primeira e única certificación específica para este sector en materia de sostibilidade ambiental- e cunha guía de fomento da sustentabilidade.
No marco do cuarto eixe da comercialización e mercados, proponse deseñar o mapa de posicionamento dos viños de Galicia nos distintos segmentos de mercado en función das tipoloxías de consumidores, diversificar o portfolio de viños das D.O.P. cara a tipoloxías como os viños ecolóxicos ou ecosostibles, equilibrar a presenza dos viños galegos nas distintas canles e desenvolver un foro continuado de coñecemento, debate e análise sobre a evolución, tendencias e retos que afronta a comercialización de viño. Para fomentar a transformación dixital, a Estratexia propón un Plan de conectividade e o impulso da dixitalización, unha campaña de lanzamento da marca Viños de Galicia nos mercados internacionais e un espazo dixital para o desenvolvemento e impulso da promoción e comercialización internacional dos nosos viños. Así mesmo, crearase a Oficina dixital de apoio á exportación e elaborarase un Plan de exportación anual que contemple actuacións como as misións internacionais ou encontros con distribuidores.
Ao abeiro do quinto eixe de organización e funcionamento das D.O.P., prevese realizar un informe sobre a necesidade de introducir nas normativas das denominacións de orixe mecanismos de regulación de oferta plurianuais, mediante reservas individuais cuantitativas e/ou cualitativas de produción, que permita unha certa marxe de flexibilidade para compensar as variacións anuais da produción vitivinícola. Tamén se quere avaliar a posibilidade de distinguir dentro de cada D.O.P. unidades xeográficas menores con particularidades específicas e promover contratos entre viticultores e adegas de maior duración temporal, asegurando unha repartición equilibrada do valor xerado entre os diferentes elos da cadea produtiva.
No sexto eixe relativo ao turismo e ao enoturismo, búscase eliminar as restricións á implantación de adegas e complexos enoturísticos en solos rústicos, incorporar novas categorías de aloxamentos turísticos vinculados ao enoturismo, realizar campañas de concienciación sobre as oportunidades deste negocio e crear liñas de axuda ao efecto. Ao tempo, reforzaranse as sinerxías entre o enoturismo e os recursos paisaxísticos e patrimoniais, estreitando os vínculos entre comida e viño, ademais de promover unha rede de aldeas viñateiras para fixar poboación e dinamizar a economía local.
Así mesmo, mellorarase o funcionamento e coordinación das Rutas do Viño do Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, solicitando a súa adhesión e certificación por parte de ACEVIN.
No eido da promoción, integrarase a oferta de enoturismo con eventos turísticos recoñecidos coma os entroidos das comarcas da Limia, Verín, Trives ou Viana ou a Festa da Istoria de Ribadavia, reforzarase a promoción de iniciativas de Turismo de Galicia como “Escenarios ao volante” ou “Paseando entre viñedos” e promoveranse estratexias de marketing dixital no enoturismo. Mentres, no campo da formación, proponse reforzar a FP e os estudos universitarios con propostas relacionados co enoturismo e coa cultura vitivinícola.
Por último, no sétimo eixe relacionado co patrimonio natural, cultural e a paisaxístico, proponse a redacción dun atlas das paisaxes vitivinícolas de Galicia, a realización dun inventario dos viñedos máis antigos para a súa protección e promoción e a posibilidade de catalogar as paisaxes máis características, entre outros aspectos.