ConcellosÚltima hora

Constitúese a Comisión Técnica Permanente de Protección Civil en Galicia

Nesta reunión homologánbanse, entre outros temas, os plans de actuación municipal da Peroxa ante o risco de rotura da presa de Os Peares e do concello de Vilariño de Conso ante o risco de rotura da presa de As Portas

Na mañá do 26 de marzo o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presidía a primeira reunión da Comisión Técnica Permanente de Protección Civil, na que se informaron favorablemente as revisións dos Plans de Emerxencia das presas de Caldas de Reis e de Meicende.

Ademais, homologáronse plans de actuación municipal do concello de A Peroxa ante o risco de rotura da presa de Os Peares e do concello de Vilariño de Conso ante o risco de rotura da presa de As Portas, os plan de actuación municipal para o risco de inundacións dos concellos de Riotorto, Pontenova, O Grove e Coirós, o plan de actuación municipal fronte ao risco de incendios forestais do concello de Chandrexa de Queixa e o Plan Local por Contaminación Mariña Accidental do concello de Muxía.

“O obxecto destes plans é planificar unha resposta municipal ante este tipo de emerxencias, de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación, catalogación dos medios cos que conta o concello, co obxectivo de que as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación e que a resposta que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida”, segundo se informa dende a Xunta de Galicia.

Entre os temas que se presentaron, destacan as dúas guías que ven de elaborar e actualizar a Dirección xeral de Emerxencias e Interior para facilitar aos concellos a elaboración do Plan de Emerxencia Muncipal, PEMU, que é unha obriga para aqueles que teñen máis de 20.000 habitantes, e o Plan de Actuación Municipal para o risco de inundacións para aqueles concellos que da análise de risco se determinou tiñan a obriga, e que están recollidos no plan especial INUNGAL. Tamén se presentou unha aplicación móvil para información á poboación afectada en caso de activación dos plans de emerxencia das presas, con afección a grandes núcleos urbanos.

A Comisión Técnica Permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.

Artigos relacionados

Back to top button