EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Conta atrás para a VII Festa Coveira de Arcos (Vilamartín)

Comezará a partir das 20h. do sábado 8 de xullo con degustacións de viño, petiscos e música polas antigas adegas da localidade

Imaxe dunha edición anterior desta festa coveira en Arcos./ Fotos: Carlos G. Hervella.

 

As singulares e antigas covas de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) volverán abrir ao público. Será nunha xornada moi especial que se retoma despois de tres anos de obrigado parón pola pandemia. Así o vindeiro 8 de xullo esta localidade volverá vibrar coa súa Festa Coveira. Celebrará a súa sétima edición, abrindo de novo estas adegas soterradas nunha cita que entrelaza a cultura tradicional do viño, coa gastronomía e a festa popular.

“Este ano “vimos con forzas” e ganas de sorprender e entreter á xente que confía en nós para pasar un bo rato, comer, beber, cantar, bailar e….. o que xurda! Por iso, este ano o tema central da festa será a orixe. Porque cremos que nunca debemos esquecer quen somos, de onde vimos, as nosas tradicións, porque somos de pobo, somos de Arcos, e como dicimos nos “ Aquí en Arcos facemos as cousas así”. Debémosnos aos nosos antergos, ás parolas que tiñan sentados nas escaleiras das covas, cun vaso de viño, un cacho de pan e unha freba de xamón, e os cánticos cando xa ían uns vasiños de máis… Non facían falta grandes manxares, nin mesas, nin coitelos de prata, simplemente a boa compaña”, aseguran dende a organización, “Estes anos de espera ensináronnos máis que nunca que temos un tesouro en Arcos, e queremos compartilo”.

Tamén destacan que a festa “está pensada para todo tipo de público, adultos, nenos, familias completas, amigos, compañeiros, so fai falla que veñas con roupa e calzado moi cómodo e moitiiiiiísimas ganas de desfrutar”.

O programa festivo comezará ás 20h. e estará amenizado polos grupos de música tradicional Abertal da Rúa e Os Bertolini de Manzaneda, ademais de por Dj Isra nas covas. Tamén se fará a xa habitual procesión de Don Godellín, o “santo” desta festa que sae en procesión polas covas. Unha vez que finalice a ruta e pechen estas estas adegas subterráneas, está previsto que a celebración continúe con Dj Tariro na praza da Festa.

Para poder participar na Festa Coveira será preciso mercar unha entrada cuxo prezo é de 15 euros en venda anticipada (nos establecementos Cafetería Makoki, Horta de Fina e Mar e Bar Chevalier no Barco) e de 18 euros o día da festa.

A entrada inclúe unha cunca conmemorativa e a posibilidade de desfrutar dos viños das covas, así como dos petiscos diferentes que se sirvan en cada unha delas.

Esta festa terá un aforo limitado a 1.000 persoas, segundo adianta a organización, que está en mans da Asociación de Coveiros de Arcos, contando coa colaboración do Concello de Vilamartín.

Artigos relacionados

Back to top button