En portadaÚltima hora

Conta atrás para a XXIV Festa das Covas de Vilamartín

Esta celebración, que acostuma reunir a milleiros de persoas, terá lugar na tarde e noite do 6 de agosto

Imaxe dunha edición anterior da Festa das Covas de Vilamartín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Logo dun longo parón de dous anos, regresa con forza a Festa das Covas de Vilamartín, unha multitudinaria celebración que converte estas antigas adegas subterráneas en escenario dunha convivencia na que se exalta o viño e a gastronomía nun ambiente único. A cita, que cumpre a súa 24ª edición, será o sábado 6 de agosto a partir das 20:30h. Neste circuíto, que mestura festa e tradición, participarán unhas 45 adegas distribuídas polas rúas O Mazo, Os Barreiros, Mirador, Justino Ferrandiz, O Valadal, O Caño e A Reza. Como en anos anteriores, para facilitar a chegada de público a Vilamartín a organización establecerá un servizo de autobuses.

As entradas, cun prezo de 15 euros, poden mercarse xa online (ataquilla.com) ou ben fisicamente o mesmo día 6 de agosto nos dous postos habituais que se instalan na festa. Isto, sempre e cando non se esgoten nesa data, xa que a organización establece un aforo limitado a 4.000 persoas.

 

 

Ao inicio do percorrido cada participante recibirá unha cunca de barro e un pano identificativo (que muda de cor cada ano) co que poderá visitar o interior das covas, degustar os seus viños (brancos e tintos) e saborear os diferentes petiscos de cada unha delas. Será nos puntos de venda ao mercar a entrada ou ben, de tela comprado online, amosando o código QR ou outro papel que acredite esa compra. Non faltará tampouco nesta celebración a música, xa que se contará con catro charangas como mínimo que percorrerán as diferentes zonas.

Esta ruta constitúe unha oportunidade para descubrir o engado destas antigas adegas escavadas séculos atrás baixo terra. O único día do ano no que estes auténticos santuarios do viño descubren os seus segredos ao público en xeral é nesta Festa das Covas.

Arredor da medianoite as covas irán pechando as súas portas e a festa mudará de escenario para trasladarse a outra zona de Vilamartín (pendente de determinar ao peche desta edición). Alí, a partir das 00:30h. actuará a orquestra Fénix e haberá unha discoteca móbil, que se irán turnando ao longo da madrugada.

Esta Festa das Covas será organizada pola Asociación de Coveiros de Vilamartín en colaboración co Concello. Tamén nesta edición terá como limiar, mantendo a tradicióna, a chamada ruta Pequena, pensada para o desfrute dos coveiros, na tarde e noite do 5 de agosto.

Artigos relacionados

Back to top button