ConcellosÚltima hora

Continúa a alerta laranxa por calor en Valdeorras

No caso da zona do Miño de Ourense a alerta será vermella con temperaturas de ata 42 graos

Mapa de alertas por altas temperaturas./ Fonte: 112 Galicia.

 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta vermella por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía con temperaturas que poderán acadar os 42 graos. Tamén no sur da provincia ourensá se activará a alerta laranxa por máximas que localmente poden chegar a este valor.

O nivel de aviso laranxa tamén estará activo na xornada de hoxe por temperaturas máximas de ata 39 graos na zona de Valdeorras e no noroeste e no sur de Ourense; e no interior, na zona do Miño e nas Rías Baixas, en Pontevedra.

Ademais, a alerta será de nivel amarelo no centro e sur de Lugo; xunto coas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense debido a valores máximos de ata 36 graos.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Recoméndase extremar as precaucións

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. Ademais, recórdase que nunca debe deixarse a nenos e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados.

Artigos relacionados

Back to top button