As rúas do Barco volverán a ser escenario do “Entretendas” o vindeiro venres, 21 de agosto. Esta semana actuará de novo o Grupo Troula co espectáculo “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, cun único pase ás 19:00h. Trátase dun pasarrúas composto por un vehículo autopropulsado que circula a pedales e que fará 4 paradas de espectáculo de 5 minutos. O artista, residente en Vigo, ten orixe barquense. A actividade será nas rúas Doutor Pérez Lista, Academia Dequidt e Marcelino Súarez, esta última no tramo entre a avenida da Estación e a rúa España. Para garantir a distancia de seguridade e crear máis espazo peonil, realizarase unha restricción do tráfico nas rúas afectadas mentres dure o espectáculo.
A actividade está organizada polo Concello do Barco en colaboración co Centro Comercial Aberto e busca a dinamización e reactivación do comercio local. O concelleiro de Cultura, Eladio Santos, comentaba na presentación do proxecto que buscan “animar ao comercio do Barco e aos consumidores para que siga con forza este sector, que para nós é moi importante”.
Tamén entrarán en sorteo dous vales de compra de 25€. Este concurso será a través de Facebook onde os usuarios terán que comentar nunha publicación. Poderán facelo hoxe, 19 de agosto e tamén mañá, día 20. A organización comunicará o gañador á mañá do día 21 e os vales poderán empregarse en aqueles negocios asociados ao Centro Comercial Aberto. Tamén se sortearán agasallos doados polos establecementos adscritos.
Recorrido do pasarrúas
- Saída do Teatro Lauro Olmo ás 19:00h en dirección á General.
- Baixada cara Pérez Lista en entrada na Praza Andrés de Prada.
- Primeira parada en Andrés de Prada, no aparcamento de bicicletas.
- Acceso ao malecón e recorrido polo parque infantil e a pone peonil.
- Segunda parada na praza José Otero.
- Continúa ata Pérez Lista.
- Dobla por Álvaro Cunqueiro.
- Acceso a Marcelino Suárez en dirección oeste.
- Terceira parada na Praza do Concello.
- Retoma por Marcelino Suárez de novo ata Pérez Lista.
- Acceso de novo a Academia Dequidt.
- Última parada no Malecón, na zona próxima ao quiosco.
- Regreso polo Malecón ata o Teatro Lauro Olmo e fin de traxecto.