Na mañá deste mércores 8 de setembro, e seguindo os prazos estipulados, constituíase no Salón de Plenos do Concello da Rúa, o tribunal de selección para a contratación como persoal funcionario interino dun conserxe que exercerá o seu labor no CEIP Manuel Respino, centro escolar que esta mañá iniciaba o novo curso escolar con nova directiva e a reforma integral licitada pero sen conserxe.
Na acta de constitución públicada onte na páxina web do Concello da Rúa, explícase que o proceso de selección é concurso e a valoración de méritos “farase en relación ao establecido na base sétima das Bases que rexen o procedemento publicadas no BOP número 182 de data 10/08/2021″.
Os aspirantes deben estar en posesión do Celga 2 ou superior e aqueles que non dispoñan do devandito título deberán facer un exame (unha tradución do galego ao castelán e outra do castelán ao galego) que se cualificará como apto ou non apto, que se realizará o vindeiro 13 de setembro nun local da rúa Felgar, na Rúa.