ConcellosÚltima hora

Convocadas as axudas para prever os ataques da fauna silvestre en 2021, incluído o oso

Terán preferencia no baremo aplicable aquelas granxas que xa teñan experimentado danos previos e estean situadas nos concellos da zona oseira e a súa área de influencia, é dicir, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela, Vilamartín de Valdeorras, Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Pobra de Brollón

Detalle de destrozos causados polo oso nunha explotación apícola./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia deste 12 de xaneiro vén de publicar unha orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na que se convocan axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre. Está dotada con 480.000 euros e inclúe tres liñas diferenciadas para prever os ataques causados polo lobo, o xabaril e, por primeira vez este ano, o oso pardo.

As persoas interesadas terán un prazo dun mes, a contar desde mañá, para presentar as súas solicitudes; e en caso de resultar beneficiarias, terán que xustificar ante a Consellería os gastos subvencionables antes do día 9 de outubro.

Tendo en conta o orzamento dispoñible e o resultado das convocatorias anteriores, estímase que grazas a esta nova orde poderán concederse unhas 600 axudas para sufragar os investimentos realizados por titulares de explotacións gandeiras e/ou cultivos agrícolas co obxectivo de evitar ou minimizar os ataques por parte da fauna silvestre.

Cómpre lembrar que este programa enmárcase na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos polas medidas preventivas e unha vez constatada a súa efectividade como complemento ás indemnizacións polos danos producidos por estes animais. Así, os 480.000 euros que se reservan en 2021 á orde de axudas de prevención supón un incremento do 37% respecto aos 350.000 euros destinados a esta mesma liña o ano pasado.

Desta contía, 300.000 euros reservaranse para danos causados polo lobo. Concretamente, 200.000 euros serán para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, e 100.000 euros para a compra e instalación de valados fixos. Outros 150.000 euros da orde de axudas de prevención irán destinados a tratar de evitar os danos provocados polos xabarís mediante a adopción dalgunha das medidas de protección sinaladas anteriormente.

Partida para a protección fronte ao oso pardo

En todo caso, a principal novidade da convocatoria deste ano é que se inclúe unha partida de 30.000 euros para subvencionar a adquisición de pastores eléctricos co fin de protexer ás explotacións apícolas que se poidan ver afectadas polo oso pardo.

Neste caso, terán preferencia no baremo aplicable aquelas granxas que xa teñan experimentado danos previos e estean situadas nos concellos da zona oseira e a súa área de influencia (é dicir, Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela e Vilamartín de Valdeorras).

En canto á contía das axudas para prevención de danos producidos pola fauna silvestre, calcularanse en función dun baremo fixado na propia orde atendendo a diferentes aspectos. En todo caso, as axudas poderán ser de ata 500 euros por can protector do gando; ata tres pastores eléctricos e 600 euros ou ata oito mallas e 800 euros por explotación; e no caso de valados fixos electrificados, subvencionarase un máximo de dous valados cun importe de ata 1.500 euros cada un, mentres que para os valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, a axuda cubrirá ata dous valados por un importe máximo de 3.700 euros.

A orde pode consultarse aquí:

AnuncioG0532-221220-0001_gl

Artigos relacionados

Back to top button