EconomíaEconomíaÚltima hora

Convócanse as axudas para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura

O DOG publica hoxe a orde da Consellería do Medio, na que se establece un prazo dun mes, contado a partir de mañá, para solicitalas

Imaxe dun colmear./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se que convocan as axudas á apicultura de 2022, cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros para mellorar tanto a produción como a comercialización dos produtos derivados deste sector.

A orde vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica, para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para apoiar aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para potenciar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.

No primeiro caso, será subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se poderá financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, inclúense a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragarase tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.

Na liña da transhumancia, a axuda deberá ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contémplase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación están enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado está pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións ou a pertenza á indicación xeográfica (IXP) Mel de Galicia. Tamén se valorará que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220520/AnuncioG0426-100522-0005_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button