EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Convócanse as axudas para reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia

O orzamento desta convocatoria distribúese para as anualidades de 2021, 2022 e 2023, dependendo do calendario de execución de traballos seleccionado

Viñedo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) desta martes publica a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, cun orzamento de tres millóns de euros. Así, o orzamento global distribuirase nos anos 2021 (500.000 euros), 2022 (1,25 millóns de euros) e 2023 (1,25 millóns de euros).

“O obxecto desta liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sostibles e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado”, tal e como informa a Consellería do Medio Rural.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas. Para presentar as solicitudes, os interesados teñen de prazo un mes contado a partir de maña e deberán realizalo de forma telemática.

Cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual (ata o 31 de maio de 2022) ou bianual (ata o 31 de maio de 2023), con ou sen anticipo. Así mesmo, valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela.

O enlace á orde no DOG é o seguinte:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210330/AnuncioG0426-250321-2_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button