ConcellosO BarcoÚltima hora

Convócanse dous postos de auxiliar de Policía Local no Barco

 

No Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 8 de abril vén de publicar a Orde do 29 de marzo de 2021 “pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local”. Con este proceso selectivo preténdese cubrir 104 prazas de auxiliares de policía local en 27 concellos galegos, entre os que figura o do Barco de Valdeorras, cun total de 2 prazas.

Tamén convocan prazas os concellos da Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

O procedemento será de oposición por quenda libre e permitirá, aos que o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte da listaxe de reserva.  Os aspirantes deberán ter cumpridos os 18 anos e estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente, ademais de ter unha estatura mínima de 1,65 metros nos caso dos homes e de 1,60 no caso das mulleres.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, e deberán presentarse, preferiblemente, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Posteriormente publicarase no DOG a relación de persoas admitidas e excluídas e, na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (https://agasp.xunta.gal/es), as datas de celebración das probas selectivas e demais comunicacións dos procesos.

Para superar o proceso de selección será necesario realizar unhas probas de aptitude física o contestar a un cuestionario tipo test, ademais de realizar a pertinente avaliación de coñecemento da lingua galega.

Tanto os aspirantes aprobados como os incluídos na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Agasp como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local.

A Xunta aprobou no ano 2017 un decreto que permite aos concellos delegar na AGASP o proceso selectivo das categorías de auxiliares e de policía local. Os concellos poden adherirse de forma voluntaria asinando un convenio para aforrar xestións e recursos, ademais de mellorar a axilidade do proceso. A día de hoxe teñen asinado o convenio coa AGASP un total de 85 concellos.

Artigos relacionados

Back to top button