EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Convócanse eleccións nas DD.OO. Valdeorras, Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra e na IXP Castaña de Galicia, entre outras

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan estes procesos electorais en 15 consellos reguladores e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno destes entes, mentres os doutros 11 consellos reguladores quedan prorrogados

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos órganos de goberno dun total de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario galego. Mentres, os doutros 11 entes quedan prorrogados, dado o seu escaso número de inscritos (pouco máis do 2% do total de operadores en réximes de calidade) e baixo volume de actividade (inferior ao 0,5% do total das producións con selo), o que dificulta a formación de candidaturas.

Así as cousas, en virtude da orde que hoxe se publica realízase a convocatoria de eleccións para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; do Consello Regulador das indicacións xeográficas (IX) das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; dos consellos reguladores das DOP dos queixos Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e San Simón da Costa; dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Pataca de Galicia, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia; do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Mentres, prorrógase o mandato dos consellos reguladores das DOP Cebreiro e Pemento de Herbón e o dos consellos reguladores das IXP Lacón Gallego, Faba de Lourenzá, Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Pemento do Couto e Pemento da Arnoia.

Canto ao calendario establecido, o proceso electoral dará comezo mañá, 11 de novembro. A partir desa data e ata o 15 de novembro, as organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas e as súas asociacións, relacionadas coa actividade das denominacións de calidade para as que se convocan eleccións, poderán presentar candidaturas a vogais da Xunta Electoral. A presentación de candidaturas farase na Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo da Consellería do Medio Rural (no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela), mediante solicitude acompañada da documentación requirida.

Continuando co calendario, o día 21 de novembro procederase á designación dos membros da Xunta Electoral, mediante resolución do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Contra a dita designación poderase interpor, ata o 23 de novembro como tarde, recurso ante o conselleiro do Medio Rural, que resolverá a máis tardar o día 28 dese mes. O calendario prevé que o día 30 de novembro se constitúa a Xunta Electoral.

Canto aos censos electorais, deberán ser elaborados por cada consello regulador axustándose ao modelo que figura na orde e téndoos expostos nos lugares que se indican entre o 2 e o 14 de decembro. Durante o citado período de exposición, os interesados poderán formular reclamacións ante o correspondente consello regulador, que deberá resolvelas o 21 de decembro como tarde. Contra as ditas resolucións, os interesados, con data límite o 26 de decembro, poderán formular recurso ante a Xunta Electoral, a cal resolverá a máis tardar o día 3 de xaneiro de 2023. Unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos.

En relación ás candidaturas, entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro -ambos inclusive- poderán presentarse candidaturas ante cada consello regulador e o día 27 de xaneiro a Xunta Electoral fará a súa proclamación definitiva. Unha vez que a Xunta Electoral proclame as candidaturas, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso e a Xunta Electoral proclamará como vogais os candidatos propostos. O dito acordo deberá presentarse ante a Xunta Electoral a máis tardar o 2 de febreiro e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Ao respecto da campaña electoral, arrancará o 3 de febreiro e finalizará o día 17 dese mes, para dar paso ás votacións o 19. O 21 de febreiro proclamaranse os vogais electos pola Xunta Electoral e, tras a presentación e resolución dos pertinentes recursos -se os houbese- a toma de posesión producirase entre os días 27 de febreiro e 10 de marzo de 2023.

Artigos relacionados

Back to top button