EconomíaEconomíaÚltima hora

Convócase o XIV Concurso de receitas “Cociña con Castaña de Galicia”

Entrarán en concurso todas as receitas recibidas a través do correo electrónico do concurso ata o día 15 de xuño de 2024

Imaxe: IXP Castaña de Galicia.

 

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia vén de convocar, en colaboración coa aula de Cociña Porto-Muiños, o XIV concurso de receitas “Cociña con Castaña de Galicia”, co fin de “promocionar e incentivar o uso de Castaña de Galicia con selo de calidade durante todo o ano”.

Este concurso vai dirixido a afeccionados á cociña, estudantes de hostalería e bloggers gastronómicos residentes en España. E para poder participar é preciso enviar unha receita orixinal con Castaña de Galicia como ingrediente principal acompañada de catro fotografías do prato ao correo electrónico comercial@portomuinos.com ou por correo ordinario a Porto-Muiños, Polígono Industrial O Acevedo, Parcela 14, 15185 Cerceda – A Coruña. Entrarán en concurso todas as receitas recibidas a través do correo electrónico ou correo ordinario anteriormente indicado ata o día 15 de xuño de 2024.

“Nas receitas participantes deberán indicarse os ingredientes, as cantidades necesarias, o proceso de elaboración do prato e 4 fotografías deste, ademais de toda a información que o participante crea conveniente especificar. Indicar a categoría á que pertence das tres existentes no concurso: Receitas salgadas,  Receitas doces, e  Estudantes de hostalería”.

Unha vez recibida a receita de cada participante, esta pasará por un proceso de selección para a fase final do concurso. Entre todas as receitas recibidas que cumpran os criterios destas bases, o xurado seleccionará 6 receitas finalistas a partir dos seguintes criterios xerais: orixinalidade, sabor, presentación e técnicas empregadas. Todas as receitas que non cumpran os requisitos descritos nestas
bases quedarán fóra de concurso”

Así, tras a primeira fase do concurso (presentación das receitas participantes: prazo de presentación ata o día 15 de xuño de 2024), virá unha segunda fase coa publicación do nome dos 6 finalistas a través da web da IXP Castaña de Galicia (www.castanadegalicia.org) e no blogue da aula de Cociña Porto-Muíños: www.auladecocinaportomuinos.blogspot.com. “Os 6 finalistas elixidos polo xurado terán dereito a participar na fase final do concurso, onde elaborarán a receita seleccionada. A comunicación dos seleccionados realizarase tamén mediante chamada telefónica e/o correo electrónico que se facilite na inscrición”, explican dende a organización.

Ademais, na fase fina do concurso escolleranse as receitas gañadoras. “Ese día os finalistas defenderán os seus pratos ante un xurado nunha exposición de aproximadamente 15 minutos onde explicarán, elaborarán e/ou empratarán a súa receita”. Deste xeito, os participantes seleccionados acudirán á final do concurso que terá lugar no mes de xullo, nunha data aínda por determinar, na aula de Cociña Porto-Muíños (Praza Casares Quiroga, 5-6-7. Urb. A Barcala. Cambre. A Coruña) onde terán que elaborar a receita coa que participan no concurso, xornada na que o xurado escollerá a receita gañadora como “Mellor receita de castañas salgada”, “Mellor receita de castañas doce” e “Mellor receita de castañas: Estudante de Hostalería” e farase entrega dos premios.

A organización do concurso proporcionará a castaña e o material necesario para a elaboración das receitas finalistas. A orde de presentación dos pratos ao xurado decidirase mediante un sorteo que se realizará ao comezo da fase final.

Todas as receitas participantes serán valoradas por un xurado constituído para o efecto. Este xurado seleccionará as receitas gañadoras e o seu fallo será inapelable. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio profesional e relacionados coa hostalería, por representantes da IXP Castaña de Galicia e polo/ os gañador/es do concurso de edicións anteriores. O fallo e a entrega de premios terá lugar o mesmo día da fase final.

Back to top button