O Concello de Quiroga convoca por primeira vez un concurso de deseño gráfico co fin de elixir o cartel anunciador da XLII Feira do Viño de Quiroga. No concurso poderá participar toda a poboación, con traballos en formato A3 e técnica libre. Cada participante soamente poderá entregar un cartel que se presentará en soporte ríxido para facilitar a súa exposición.
Os traballos deben aludir ao espírito da Feira do Viño de Quiroga facendo especial fincapé no mundo do viño e no noso patrimonio e cultura, quedando totalmente prohibida a utilización de calquera IA (intelixencia artificial) para a realización do seu deseño.
Será obrigatorio que o cartel inclúa os seguintes compoñentes: XLII Feira do viño de Quiroga, a data de celebración -30 e 31 de marzo-, e os logotipos: Escudo oficial do Concello de Quiroga, logotipo oficial da feira do viño de Quiroga, Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel co distintivo da UNESCO Global Geopark, Ribeira Sacra Consorcio de Turismo e o logotipo do Camiño Xacobeo de Inverno (no caso de non ter acceso a estes logos, facilitaríanse na Casa da Cultura a través do correo electrónico cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es).
Os deseños deberán ser presentados antes do 16 de febreiro na Casa da Cultura, nun sobre pechado co lema do cartel e os datos da autora ou autor, nome e apelidos, nome artístico (se procede), o enderezo e o número de teléfono.
O deseño gañador, que se premiará con 300 €, será empregado como cartel anunciador da XLII Feira do Viño de Quiroga e os carteis finalistas poderán ser expostos se o Concello así o considera. Todos eles quedarán en poder do Concello de Quiroga. O gañador entregará unha copia do cartel en formato dixital para a súa posterior difusión. Os participantes someteranse á decisión do xurado, que estará formado por persoas cualificadas na materia.
As bases